- Artigo do presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, con motivo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente.
Tras duros meses marcados por unha crise sanitaria sen precedentes na historia máis recente de España, e aínda en plena desescalada coa incerteza propia dunha pandemia destas características como telón de fondo, hoxe celebramos, de forma virtual, e como nunca antes o fixemos, o Día do Medio Ambiente; unha paradoxa que nos leva a conmemorar todo o que rodea a nosa vida, pero desde a distancia ou, alomenos, de forma limitada.
Con este escenario de partida, creo que pode ser unha boa xornada para reflexionar sobre as modificacións que é necesario introducir nos nosos hábitos de vida conforme vaiamos retornando á normalidade.
O COVID-19 foi e é un duro golpe desde o punto de vista humano, social e económico que, con todo, tivo unha distinta lectura desde o punto de vista ambiental. Os datos son irrefutables: durante o confinamento, os niveis de contaminación baixaron substancialmente debido ao obrigado parón ao que se viu sometido unha gran parte do sector empresarial, industrial e comercial, así como o movemento de vehículos.
Aínda que algunhas voces se empeñen en enxalzar as bondades de semellante escenario, o certo é que non resulta sostible. Non podemos renunciar ao progreso, ao crecemento e á mobilidade, pero si podemos crecer de forma ordenada e coas maiores garantías ambientais.
O desenvolvemento non debe implicar necesariamente a destrución da contorna e da saúde, senón que debe levarnos á prosperidade, entendida como a conxugación equilibrada do crecemento económico, a protección ambiental e a cohesión social.
Probablemente, algúns dos obxectivos ambientais dos gobernos para o 2020 terán que aprazarse por circunstancias sobrevindas, pero o que resulta inaprazable é o noso compromiso co benestar das xeracións actuais e futuras.
A desescalada cara á normalidade también debe supoñer escalar cara á sostibilidade.
Presidente Executivo de Sogama
Javier Domínguez Lino