- Así se puxo de manifesto nun encontro virtual organizado por AECOC e no que expertos do sector reivindicaron o papel dos envases, rexeitando a “demonización” dalgúns materiais como é o caso do plástico.
- O presidente da Confederación Española de Consumidores e Usuarios reclamou comunicación máis efectiva para evitar a desinformación e indicou que “máis aló dos compoñentes, hai un reto sobre que xestión facemos como sociedade dos envases, xa que o plástico non chega só ao mar”.
- A consultora de AECOC Shopperview, Marta Munné, asegurou que, trala crise sanitaria, a sostibilidade gañará peso nas decisións de compra do consumidor.
Cerceda, a 8 de xullo de 2020.- AECOC (Asociación de Fabricantes e Distribuidores), a través da súa área de sostibilidade, celebrou recentemente unha xornada online na que, baixo o título ‘Envases e embalaxes: construíndo un futuro máis sostible’, expertos do sector reivindicaron o papel dos envases e rexeitaron a “demonización” que, ao seu xuízo, se fixo dalgúns materiais, como é o caso do plástico.
Ao respecto, o presidente da Confederación Española de Consumidores e Usuarios, Fernando Móner, manifestou que, nos últimos dez anos, “mellorouse moitísimo na xestión e uso de materiais cada vez máis sostibles”, indicando que “máis aló dos compoñentes, hai un reto sobre que xestión facemos como sociedade dos envases, xa que o plástico non chega só ao mar”. Reclamou máis comunicación efectiva para evitar a desinformación. “O consumidor toma decisións cada vez máis formadas, pero tamén baixo mensaxes non contrastadas. Antes da pandemia, o 20% compraba máis a granel para reducir o consumo de envases e, agora, isto detívose porque a xente cre que os produtos frescos están máis expostos, cando non hai ningunha evidencia que o certifique”.
O investigador da ESCI-UPF, Pere Fullana, referiuse a tres pasos a seguir nos procesos de mellora dos envases utilizados: avaliar os sistemas de produción, melloralos co ecodeseño e comunicalo para que o consumidor o coñeza e vexa os resultados obtidos.
Pola súa banda, a directora técnica de ITENE, Carmen Sánchez, cre que a confusión non é exclusiva dos consumidores: “Nas empresas tamén houbo confusión á hora de definir conceptos como biodegradabilidade e compostabilidade, que son necesarios no marco da economía circular, pero co tempo traballouse para que haxa cada vez máis coñecemento”.
A SOSTIBILIDADE, CLAVE TRALA CRISE
A consultora de AECOC Shopperview, Marta Munné, expuxo a visión dos consumidores sobre a sostibilidade. Segundo os datos que manexa, o 80% dos compradores considera importante a sostibilidade e a metade cre que leva un estilo de vida sostible, pero seis de cada dez aseguran que non é fácil comportarse de forma responsable co medio ambiente.
Munné sinalou que, trala crise sanitaria, a sostibilidade gañará peso nas decisións de compra do consumidor. Xa antes do confinamento, o 44% aseguraba que deixara de comprar marcas que consideraba non sostibles, e agora o 33% cre que é aínda máis importante optar por empresas e produtos comprometidos co medio ambiente e a sociedade.
SOBRE AECOC
Con máis de 30.000 empresas adscritas, AECOC é unha das maiores asociacións empresariais do país e a única que reúne a todos os axentes da cadea de valor: desde produtores e fabricantes ata operadores loxísticos e distribuidores.
Trátase dunha asociación multisectorial que abarca compañías de Gran Consumo, HORECA, Saúde, Ferretería e Bricolaxe e Electrónica de consumo, entre outros sectores, e que traballan en colaboración para aportar maior valor ao consumidor.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: AECOC