- Este material está presente en gran medida en todos os ámbitos da nosa vida cotiá e en industrias tan fundamentais como a alimentación, o transporte e a automoción, a construción ou a electrónica, entre outros.
- O aluminio é 100% reciclable sen que isto supoña unha merma das súas cualidades, coa particularidade de que a enerxía que precisa para o seu proceso de reciclado apenas alcanza o 5% da que foi necesaria para producir aluminio primario.
- Un dato importante neste sentido: o 75% do aluminio producido ao longo da historia segue en fase de uso.
Cerceda, a 10 de setembro de 2020.- O ecodeseño defínese como a incorporación de criterios ambientais na fase de concepción, deseño, desenvolvemento, transporte e reciclaxe de cada produto (ben ou servizo), tratando de adoptar as medidas e decisións necesarias co fin de diminuír o impacto ambiental que poida ocasionar cada unha das diferentes fases do seu ciclo de vida: desde a produción ata a eliminación do mesmo.
A AEA (Asociación Española do Aluminio), que representa a máis de 600 empresas do sector, leva anos traballando cos seus asociados na implementación de criterios de sostibilidade na súa produción. Tendo en conta que o aluminio é un material que está presente en gran medida en todos os ámbitos da nosa vida cotiá e en industrias tan fundamentais como a alimentación, o transporte e a automoción, a construción ou a electrónica, entre outros, é precisamente nestas onde se concentra a demanda por crear e desenvolver unha produción desde a óptica do ecodeseño.
INFINITAMENTE RECICLABLE
As materias primas e os recursos naturais non son infinitos, polo que debemos coidalos para evitar que se esgoten. Ademais, segue imperando a necesidade de reducir as emisións de CO2 e o gasto enerxético dos centros de produción para deter o continuo desgaste medioambiental ao que estamos sometendo o noso planeta. Todo isto é unha resposta máis que necesaria ao obsoleto e insostible sistema de consumo de usar e tirar. Búscase que o ciclo de vida dun produto non se consuma cun só uso, senón que, unha vez que cumpra o seu obxectivo, inicie a súa reconversión no mesmo ou noutro cunha finalidade totalmente diferente.
O aluminio é 100% reciclable sen que isto supoña unha merma das súas cualidades. Pero non só iso, xa que a enerxía que precisa para o seu proceso de reciclado apenas alcanza o 5% da que foi necesaria para fabricar aluminio primario. É dicir, producir aluminio reciclado sae moito máis a conta ao medio ambiente que producir novo aluminio. Outro rasgo máis a destacar é que é un material que pode reciclarse cantas veces se queira.
En definitiva, trátase dun produto “infinitamente reciclable” cun consumo de enerxía moi baixo. Un dato importante neste sentido é que o 75% do aluminio producido ao longo da historia segue en fase de uso.
O deseño eco dun produto non se basea -ou non unicamente- en factores como a reciclabilidade, senón que hai outros indicadores igualmente importantes como son o consumo de enerxía, a cantidade de material, o peso dos produtos ou a súa durabilidade. O aluminio segue destacando por riba doutros materiais, pois, malia a súa lixeireza e fácil manexo, é altamente resistente, duro e duradeiro.
Fonte: IDE
Imaxe: Pixabay