- Así se recolle nas conclusións do estudo “Como afecta a sostibilidade aos hábitos de compra”, promovido por AECOC.
- No mesmo indícase que o 44% dos enquisados afirma ter deixado de comprar os produtos daquelas marcas que non consideran sostibles, resultando máis evidente esta tendencia entre os menores de 34 anos.
- En relación ás fontes de información utilizadas á hora de tomar decisións neste sentido, seis de cada dez citan as etiquetas e un 30% os propios puntos de venda.
Cerceda, a 11 de marzo de 2020.- Tomando como referencia as conclusións do estudo “Como afecta a sostibilidade aos hábitos de compra”, promovido por AECOC (Asociación de fabricantes e distribuidores), despréndese que a sostibilidade eríxese xa nun factor decisivo á hora de consumir.
Este traballo foi presentado durante a celebración do 2º Congreso de Desenvolvemento Sostible, coorganizado por AECOC e FIAB, e no mesmo indícase que o 44% dos enquisados afirma ter deixado de comprar os produtos daquelas marcas que non consideran sostibles, resultando máis evidente esta tendencia entre os menores de 34 anos.
A pesar de que o 80% cre que as cuestións relacionadas coa sostibilidade son relevantes, o informe evidencia que a metade considera que non está informado ao respecto, circunstancia que leva ao 59% a afirmar que lle resulta difícil levar un estilo de vida sostible.
En relación ás fontes de información utilizadas á hora de decidir se un produto ou marca son sostibles, seis de cada dez cidadáns citan as etiquetas e un 30% os propios puntos de venda. Así as cousas, o 45% reclama que os establecementos dispensen maior información para identificar aqueles artigos medioambientalmente responsables.
Se ben o estudo sinala a crecente importancia do factor medioambiental como elemento decisivo á hora de facer a compra, o 58% dos enquisados afirma que, ao final, o máis importante é o produto, os beneficios que aporta e o seu prezo.
En canto ás pautas a seguir para lograr un modo de vida sostible, os consumidores fan referencia a catro elementos: o tránsito cara a unha dieta con menos impacto ambiental, a proximidade, a redución do desperdicio alimentario (o 46% asegura axustar a súa cesta da compra para minoralo fronte a un 50% que o fai por aforro económico) e a diminución de plásticos.
Oito de cada dez asegura ter reducido a compra de produtos con embalaxes de plástico, mentres que nove de cada dez reclaman aos fabricantes minimizar a presenza deste material nos seus produtos.
Fonte: Retema
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación