- Segundo un estudo elaborado por GfK para Ecovidrio, no noso país un 87,8% de persoas recicla practicamente sempre os envases de vidro, mentres que un 5,9% entrarían dentro da categoría de negacionistas da reciclaxe
- Pola súa banda, un 18% cualificaríanse como ecoactivistas porque exercen influencia sobre a súa contorna, animándoos a reciclar máis ou chamándolles a atención se non o fan
Cerceda, a 10 de xuño de 2024 – Os cidadáns teñen un alto compromiso coa reciclaxe dos envases de vidro; así se deduce dun estudo elaborado por GfK para Ecovidrio. Con todo, aínda circulan falsos mitos que deben ser desmontados. Por exemplo, o 25,9% dos enquisados cre erroneamente que os residuos se mesturan cando se envorcan nos camións de recollida; o 6,9%, que a calidade dun produto reciclado é peor; e o 6,6%, que reciclar contamina máis que producir un novo artigo.
Malia estes falsos mitos, o estudo reflicte que tan só un 5,9% dos españois entraría na categoría de negacionista da reciclaxe. Pola contra, un 87,8% declara separar os seus residuos de envases de vidro sempre ou case sempre, e ata un 18% son ecoactivistas porque exercen influencia sobre a súa contorna, animando a reciclar máis ou chamando a atención se non se fai.
Por rango de idades, os maiores de 45 anos son os cidadáns máis ecoactivistas, mentres que os mozos de 18 a 30 anos son os que demostran unha menor implicación coa reciclaxe.
Información e concienciación, claves
Dado que aínda existen falsos mitos moi estendidos entre a poboación, resulta evidente que aumentar a información sobre a reciclaxe continúa a ser fundamental para incrementar os niveis de recollida selectiva de residuos en España. Así, 7 de cada 10 persoas avogan por dar máis información sobre o aforro que implica a reciclaxe no prezo final dun produto, sobre o que ocorre cos envases tras ser reciclados ou sobre os efectos de non reciclar sobre o medio ambiente. Ademais, o 64,6% considera que as campañas de sensibilización inflúen moito á hora de mudar o comportamento das persoas para que reciclen máis.
De todos os xeitos, para algúns, a concienciación e a información non bastan: o 59,5% dos cidadáns opina que sería efectivo establecer un sistema de multas para aqueles que non reciclan e, de feito, o 43,5% cre que hai xente que só reciclaría vidro se se lles multase por non facelo.
Por tipo de residuo, os envases de vidro son os que máis se reciclan, cunha porcentaxe superior ao 95%, seguidos do papel e o cartón (86,7%) e dos envases de plástico (84,5%).
Fonte e imaxe: Ecovidrio