- O recente descubrimento dunha bolsa de plástico, totalmente intacta, no fondo da fosa das Marianas, que é o punto máis profundo do océano, dá boa idea de que a Terra está atiborrada de lixo.
- Hai que convencer a todos de que a economía circular é atractiva, rendible, irresistible.
Cerceda, a 6 de febreiro de 2019.- A presenza de plásticos en todos os recunchos do planeta, ata nos máis remotos, é unha proba máis de que o actual modelo de economía lineal, baseada en usar e tirar os produtos é insostible. O recente descubrimento dunha bolsa de plástico, totalmente intacta, no fondo da fosa das Marianas, que é o punto máis profundo do océano, dá boa idea de que a Terra está atiborrada de lixo.
Nin sequera os sistemas de tratamento e xestión de residuos máis eficientes, nin os propios sistemas de reciclaxe son realmente capaces de capturar todos os envases desbotables que xeramos. Os plásticos, expostos aos axentes atmosféricos non chegan a degradarse nunca por completo, liberan sustancias tóxicas, emiten gases de efecto invernadoiro e terminan por transformarse en microplásticos que se incorporan á cadea trófica e chegan a nós, a través dos alimentos e a subministración de auga.
A excesiva presenza de produtos dun só uso fabricados con plástico, no canto doutros materiais reutilizables como o vidro e os metais, reduce enormemente a capacidade de reciclaxe dos residuos.
É momento de deixar de lado a cultura do desbotable e camiñar cara a un modelo de economía circular que favoreza a redución da cantidade de materias primas empregadas na fabricación de novos produtos, a reutilización de materiais e a recuperación de recursos.
Pero para lograr este obxectivo, é preciso demostrar a cidadáns, empresas e gobernos que o uso de produtos duradeiros e non desbotables ofrece beneficios maiores que os derivados do uso de artigos desbotables.
CINCO PROPOSTAS
O Foro Económico Mundial propón cinco formas de descartar os artigos desbotables para sempre:
1.- Investir en reciclaxe
Deste xeito, non só reduciremos o volume de residuos, senón que lograremos recuperar unha inxente cantidade de materiais cos que fabricar novos produtos.
2.- Deixar de producir, usar e comprar artigos dun só uso sen sistemas de recuperación
Como consumidores, podemos optar por evitar os produtos desbotables sen sistemas de recuperación, como os cubertos de plástico ou as cuncas de café dun só uso. Isto obrigará aos fabricantes a reducir ou eliminar a súa produción, substituíndoos por produtos duradeiros.
3.- Enfocarse no redeseño de produtos e envases como estratexia de crecemento
Cada vez máis consumidores están dispostos a adquirir alimentos e bebidas de primeira calidade envasados en vidro e plásticos duradeiros, pagando un sobreprezo. A fabricación de envases duradeiros require máis enerxía e recursos que a creación dos desbotables. Pero a súa utilización durante un longo período de tempo fai que os custos ambientais e económicos sexan inferiores.
4.- Innovar para o futuro do consumo mirando ao pasado
Algúns vellos hábitos de comezos do século XX recobran plena vixencia nestes momentos. É o caso dos envases de vidro retornables.
5.- Construír un movemento de economía circular centrado na abundancia e a prosperidade
Para que o cambio de modelo de economía lineal ao de economía circular sexa posible, é necesario convencer a todos os axentes intervenientes de que os produtos duradeiros son tan prácticos, económicos e fáciles de usar como os desbotables. Non basta con vender a idea de que facemos o correcto; hai que convencer a todos de que a economía circular é atractiva, rendible, irresistible.
Fonte e imaxe: Foro Económico Mundial
Saúdos, Departamento de Comunicación