- O premio “Ecovaledor” e a concesión do selo de calidade “Vida Saudable” por parte do Ministerio de Educación, constitúen o punto de partida para un plan de acción 2019-2020 con novos obxectivos.
- Con tal fin, decidiron engadir novos ingredientes ao seu programa ambiental: é o caso da súa adhesión ás Aulas Libera e a súa decidida aposta por incrementar a súa achega á reciclaxe.
Cerceda, a 2 de outubro de 2019.- Os distintos recoñecementos medioambientais recibidos por parte do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Lugo), non só non colmaron as súas expectativas, senón que mesmo o impulsaron a seguir traballando con máis intensidade na súa particular loita contra o cambio climático.
A súa longa traxectoria a través das denominadas “Aulas Limpas”, das que se serve para analizar e valorar a pulcritude dos lugares nos que se imparten as distintas actividades académicas (premiando aos escolares que contribúen en maior medida a manter estas áreas de traballo en boas condicións), así como a súa absoluta implicación na protección da contorna e a reciclaxe, constituíron factores que fixeron posible que, o pasado mes de xuño, o centro fose recoñecido co premio “O Ecovaledor”, no marco do programa radiofónico “Ecovoz 2019”, con cobertura autonómica.
O director deste instituto, José Manuel Valcarce López, recibiu o galardón de mans do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, no acto de clausura deste espazo de radio promovido pola Corporación Voz de Galicia e que tivo lugar en Cerceda (A Coruña).
Distinguíase así o carácter exemplar dun centro sensibilizado coa preservación do medio ambiente e a súa capacidade para abordar, de forma transversal, o coidado da contorna e a saúde en todas as disciplinas obxecto de estudo, ao tempo que traballa noutros valores fundamentais tales como o compañeirismo, a solidariedade, a empatía, a igualdade e a boa convivencia.
Máis recentemente, e atendendo a estes criterios, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte concedeu ao IES Xograr Afonso Gómez o selo de calidade “Vida Saudable”, distintivo co que se pon de relevo o fomento das boas prácticas vinculadas á vida saudable e a unha educación física que permita o axeitado desenvolvemento persoal e social dos escolares.
A reciclaxe seguirá ocupando un lugar destacado durante os próximos meses no programa curricular do centro. Non en van, o IES sarriano xa se apuntou ás “Aulas Libera” para contribuír a liberar de residuos os espazos naturais, participando de forma activa na conservación do medio.
Ademais, no recinto académico dispoñen de papeleiras específicas de cores para depositar nas mesmas as distintas tipoloxías de refugaññps e garantir con isto a súa posterior transformación en novos produtos.
O seu programa Radio Xograr, que emiten desde o centro todos os venres, seguirá levando a cabo unha tarefa formativa e de concienciación dirixida á propia comunidade do instituto e contorna social máis inmediata.
Sen dúbida, a acción climática dos mozos e mozas é hoxe a esperanza do mañá, e os estudantes e docentes deste centro sarriano constitúen o fiel reflexo do compromiso.
Saúdos, Departamento de Comunicación