- Editorial do presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente ao boletín corporativo de decembro https://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/2022/12/Newsletter...
Cerceda, a 22 de decembro de 2022.-A piques de concluír o ano, adentrarémonos en 2023 con esa sensación de incerteza que non nos abandonou en todos estes meses pasados. A invasión de Ucraína e a conseguinte inestabilidade xeopolítica parecen ter botado por terra moitas iniciativas que se pretendían levar a cabo en 2022, máxime nun momento no que a pandemia da COVID-19 nos daba un alivio e a economía recibía un sopro de aire fresco desde Europa cuns benditos fondos que axudarían ao continente a remontar.
Pero, en pouco tempo, e sen menosprezar a gran axuda que estes fondos suporán para as economías dos Estados membros, o certo é que, nos últimos tempos, as circunstancias sobrevindas lastraron moitas ilusións e desgastaron unha poboación que, vítima da gran inflación, tivo que apertar de novo o cinto e facer números cada vez que ten que encher a cesta da compra, o depósito do seu vehículo ou simplemente quentarse no inverno.
O desorbitado prezo da enerxía, dos materiais e dos combustibles supuxo un pau para moitos sectores. Por poñer un exemplo, Sogama pasará de pagar 14,7 millóns de euros en concepto de gas a 42,4 millóns o ano que vén, o que supón un incremento do 187%, o mesmo que rexerá no caso da subministración de materiais, cun prezo que escalará desde os 6,3M€ deste exercicio aos 18,2M€ do próximo. Pola súa banda, o transporte tampouco quedará inmune, xa que subirá nun 26,5% (desde os 16,9M€ aos 21,4M€). Isto quere dicir que o incremento dos custos relativos unicamente a estes tres conceptos ascenderá a máis de 44M€.
Ademais de todo iso, determinadas obras tiveron que licitarse de novo pola renuncia das adxudicatarias ante a escaseza de materiais e o elevado prezo dos servizos nun breve período de tempo, e, noutros casos, fixéronse axustes nos proxectos para garantir a súa viabilidade.
Esta situación, á que non escapa ninguén, pon en serio risco a descarbonización de Europa ao terse visto obrigados algúns países a reactivar o consumo de combustibles fósiles.
Pola súa banda, a industria da reciclaxe deu a voz de alarma porque os elevados custos enerxéticos resultan inasumibles para levar a cabo a súa actividade, e, por se fora pouco, á pesada carga que deben soportar industrias e familias, o goberno central regálanos un novo imposto na xestión e tratamento dos residuos que, coma sempre, recaerá no cidadán. Refírome ao imposto á valorización enerxética, malia atoparse dentro da xerarquía de xestión estipulada por Europa, despois da reciclaxe e antes do vertedoiro, coa particularidade de que contribúe a paliar o déficit enerxético coa produción de electricidade, limpa e respectuosa co medio ambiente e a saúde, a partir daqueles residuos que non poden ser reciclados e que, doutra forma, acabarían depositados en vertedoiro, a peor das opcións.
Aínda que a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia opúxose a estes tributos estatais e presentou as correspondentes alegacións, os impostos seguiron o seu curso e a súa aplicación comezará o 1 de xaneiro de 2023.
Mentres os países escandinavos, tal e como asegura Aeversu (Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos), queren eliminar o imposto sobre a incineración, o goberno de España decide aplicalo no peor momento, supoñendo para os cidadáns de Galicia un impacto de máis de 13M€, xa que a recadación sairá dos seus petos.
Se o Estado impulsase a valorización enerxética en España, esta suporía unha axuda para paliar a actual crise enerxética. Neste sentido, Aeversu indica que, se os 12 millóns de toneladas de residuos que acaban enterradas en vertedoiro no noso país se valorizasen enerxeticamente, a enerxía que se podería obter a partir destes residuos sería de, aproximadamente, 7.800 GWh/ano, o equivalente ás necesidades de 2,25 millóns de fogares ou ao consumo de 5,5 millóns de persoas.
A sostibilidade debe entenderse en toda a súa amplitude: non significa tinguir de verde as decisións políticas, senón velar por que estas manteñan un equilibrio entre a protección ambiental, o crecemento económico e a cohesión social.
Presidente
Javier Domínguez Lino