-
Mantén a súa primeira posición por décimo ano consecutivo na categoría de Xestión Ambiental
-
Entre as súas fortalezas, destaca o cadro docente, totalmente interdisciplinario e integrado por 13 áreas de coñecemento que van desde a enxeñaría ata as ciencias sociais e que se caracteriza, ademais, por unha alta produtividade científica e equilibrio entre xéneros
Cerceda, a 2 de xullo de 2024.- O pasado 20 de xuño, o Máster en Enxeñaría Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela renovou, por décimo ano consecutivo, o seu liderado na Clasificación 250 Máster que elabora anualmente o xornal El Mundo (sección Medio Ambiente).
Entre as principais fortalezas deste Máster, que coordina o catedrático Francisco Omil, destaca o seu cadro docente, totalmente interdisciplinario e integrado por 13 áreas de coñecemento que van desde a enxeñaría ata as ciencias sociais e que se caracteriza, ademais, por unha alta produtividade científica (coa maioría dos seus membros pertencentes ao Centro Singular CRETUS), así como polo seu equilibrio entre xéneros.
Outra das súas cualidades é a ampla rede de colaboracións tecida ao longo dos anos con centros de investigación e empresas punteiras, moitas das cales forman parte do Comité Externo, entre as que se atopa Sogama.
Tal e como figura na sinopse do plan de estudos deste Máster, a asunción dos conceptos de desenvolvemento sostible e economía circular, ben sexa de forma implícita ou explícita, empeza a penetrar en todos os sectores de actividade humana e a todos os niveis. Isto significa, non só aplicar tecnoloxías para tratar os residuos producidos pola actividade industrial, senón transformar os procesos produtivos para reducir a súa xeración, aumentar a eficacia xeral no aproveitamento de recursos naturais e, en definitiva, conseguir que a actividade industrial sexa cada vez máis eficaz e respectuosa coa nosa contorna.
A nivel formativo, a Enxeñaría Ambiental implica coñecer a fondo os procesos, ter capacidade para transformalos, coñecer as interaccións destes coa contorna e estar preparados para traballar en equipos multidisciplinares, con capacidade para formular solucións e resolver os problemas cun enfoque holístico, sendo a principal tarefa do Enxeñeiro Ambiental minimizar os efectos negativos á contorna natural de cada proceso ou actividade humana, tanto a curto como a longo prazo.
Fonte e imaxe: USC
Saúdos, Departamento de Comunicación