- Así se recolle nas conclusións dunha nova enquisa do Eurobarómetro, onde tamén se indica que os europeos queren que se intensifiquen as medidas para preservar a contorna.
- A xuízo dos entrevistados, os métodos máis eficaces para combater os problemas medioambientais son «cambiar o xeito de consumir» e «cambiar o xeito de producir e comercializar».
- Apuntan ao cambio climático, a contaminación atmosférica e os residuos como os tres problemas medioambientais de maior calado.
Cerceda, a 5 de marzo de 2020.- Segundo unha nova enquisa do Eurobarómetro, o 94 % dos cidadáns europeos asegura que a protección do medio ambiente é importante para eles e o 91 % cualifica o cambio climático como un problema grave para o continente. Pola súa banda, o 83 % indica que é necesaria lexislación europea para preservar a contorna.
Os resultados da enquisa poñen de manifesto que os europeos queren que se intensifiquen as medidas climáticas e creen que a responsabilidade debería compartirse entre as grandes empresas e a industria, os gobernos nacionais e a Unión, e os propios cidadáns.
O 78 % considera que os problemas medioambientais teñen un efecto directo na súa vida diaria e saúde, e máis de 8 de cada 10 cidadáns están preocupados polo impacto das sustancias químicas presentes nos produtos de uso diario.
Apuntan ao cambio climático, a contaminación atmosférica e os residuos como os tres problemas medioambientais de maior calado e, ao seu xuízo, os métodos máis eficaces para combatelos son «cambiar a maneira de consumir» e «cambiar a maneira de producir e comercializar».
Entre as máis de 27 000 persoas entrevistadas, hai unha parte importante que apoia medidas estratéxicas destinadas a reducir os residuos plásticos e o lixo. Así mesmo, poñen de manifesto que os produtos deben estar deseñados de maneira que se facilite o seu reciclado e que, tanto a industria como os comerciantes, deben facer un esforzo por reducir as embalaxes plásticas. Deixan constancia tamén do seu desexo de que a roupa sexa máis duradeira e estea fabricada con materiais reciclables.
Igualmente, móstranse a favor doutras medidas como investir en investigación e desenvolvemento, ofrecer máis información e educación, alentar ás empresas a que se impliquen en actividades sostibles e reforzar o control lexislativo.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación