- Así reza o lema da campaña promovida pola Asociación Metalgráfica Española (AME) para concienciar sobre as vantaxes e beneficios dos envases e peches metálicos
- O metal pódese reciclar infinitamente, mantendo as súas propiedades, razón pola cal o símbolo infinito está moi presente na campaña, que tamén incide na necesidade de que envases de aceiro e aluminio sexan depositados no contedor amarelo para garantir o seu reciclado
- A campaña inclúe un vídeo divulgativo, así como distintas accións en medios de comunicación e redes sociais
Cerceda, a 28 de febreiro de 2023.- Baixo o lema “O Metal Recíclase Para Sempre”, a Asociación Metalgráfica Española (AME) vén de poñer en marcha unha campaña, que dirixe a toda a sociedade, para dar a coñecer as vantaxes dos envases e peches metálicos, que son infinitamente reciclables, así como todos os beneficios que achegan á economía circular. É por isto que o símbolo do infinito está moi presente nesta iniciativa.
A campaña inclúe un vídeo divulgativo, así como distintas accións en medios de comunicación e redes sociais, contando para isto coa participación de destacados influencers de diferentes ámbitos.
Así mesmo, AME poñerá en marcha unha iniciativa, os I Premios Infinito, un galardón que nace co obxectivo de promover e recoñecer o mellor labor divulgador das propiedades e beneficios dos envases e peches metálicos.
MATERIAL IDÓNEO
Polas súas características, o metal demostrou ser o material de envasado idóneo, xa que, ademais dos beneficios relacionados coa sostibilidade, os envases e peches metálicos son un claro exemplo de eficiencia e rendemento na cadea de produción e subministración. Ademais, esta solidez permite que o enchido, almacenado e posterior transporte dos envases se efectúe sen risco algún de rotura ou perda do produto.
En canto á parte máis estética, os envases e peches metálicos ofrecen ás marcas unha gran vantaxe competitiva. A adaptación de tamaño, forma e deseño que permiten estes envases, fai que as marcas teñan infinitas posibilidades para escoller a que mellor se adapte ás súas necesidades.
O AMARELO, CONTEDOR DE DESTINO
O metal é, ademais, o material que máis se recicla: a taxa conxunta de reciclaxe de aceiro e aluminio de envases en 2021 en España alcanzou o 86,4% e constitúe un referente en canto a aforro de enerxía e redución de emisións de CO2.
A campaña lanzada por AME pretende que estas cifras sigan incrementándose, sendo un das mensaxes máis relevantes que envases de aceiro e aluminio deben depositarse no contedor amarelo.
Fonte e imaxe: IDE