- Así o expresou Pedro Alcázar Arévalo, Xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medio Ambiente desta empresa pública, con motivo da súa participación nun webinar promovido conxuntamente por Residuos Expo e a revista técnica Retema baixo o título “O futuro da xestión de residuos: reflexións entre España e México”.
- Avogou polo intercambio de coñecementos e experiencias entre países para loitar contra o deterioro ambiental do noso planeta e recordou que o sistema Sogama guíase pola xestión xerarquizada de residuos promulgada pola UE.
- Manifestou que os países europeos que máis valorizan enerxeticamente, son tamén os que máis reciclan e menos verten, coa vantaxe adicional de que obteñen deste proceso enerxía eléctrica e calorífica que lles permite reducir a demanda de combustibles fósiles e materias primas.
- Alcázar concluíu a súa alocución subliñando que non existe unha única solución á problemática dos residuos, senón que todo pasa por unha combinación de procesos que se adapten a cada rexión.
Cerceda, a 25 de novembro de 2020.- No marco do webinar “O futuro da xestión de residuos: reflexións entre España e México”, promovido conxuntamente por Residuos Expo e a revista técnica Retema, e que tivo lugar vía online a pasada semana, o Xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medio Ambiente de Sogama, Pedro Alcázar, avogou pola transferencia de coñecementos como unha das principais ferramentas para facer fronte ao deterioro ambiental que sofre o noso planeta e contribuír á loita contra o cambio climático.
Considera que, a priori, todas as experiencias son extrapolables entre países, se ben debe realizarse unha análise exhaustiva da situación de cada un deles, atendendo á súa propia idiosincrasia e tendo en conta factores tales coma os xeográficos, políticos, sociais e económicos.
Non obstante, considera que a bagaxe de España en materia de xestión de residuos e, sobre todo, o da Unión Europea (pola esixente normativa e obxectivos en materia de reciclaxe e recuperación), pode resultar de gran axuda para as autoridades mexicanas encargadas de deseñar e executar os programas ambientais neste ámbito.
APLICACIÓN DA XERARQUÍA EUROPEA
Alcázar defendeu o modelo Sogama porque constitúe, tal e como manifestou, “unha clara aposta pola valorización como opción preferente fronte ao vertido”, respectando en todo momento a xerarquía de xestión de residuos establecida pola Unión Europea. Exemplo disto é que, esta empresa pública, facendo uso das tecnoloxías de última xeración, consegue recuperar, ata do residuo en masa, os materiais susceptibles de ser reciclados, promovendo ao mesmo tempo a produción de compost a partir da materia orgánica e valorizando energéticamente a fracción non reciclable. Con iso evita que esta fracción acabe depositada en vertedoiro, a opción menos desexable dado o seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde.
Neste sentido, recordou que as plantas de valorización enerxética emiten moitos menos CO2 á atmosfera que os vertedoiros, coa particularidade de que, segundo os últimos datos de Eurostat, aqueles países europeos que apostaron en maior medida pola valorización enerxética, como é o caso de Dinamarca, Alemaña, Holanda, Bélxica e Austria, son tamén os que máis reciclan e menos verten.
Así mesmo, o portavoz de Sogama abundou na seguridade destas instalacións, xa que dispoñen dunha tecnoloxía moi madura, gañaron en robustez e están sometidas a límites de emisión cada vez máis estritos, circunstancia que propicia unha operativa industrial limpa e respectuosa co medio ambiente e a saúde. Ademais de todo isto, xeran enerxía eléctrica e calorífica, reducindo desta forma a demanda de combustibles fósiles e materias primas.
Pedro Alcázar concluíu a súa alocución cunha chamada á xestión integral de residuos e a súa adaptación ás particularidades de cada territorio. “Non existe unha única solución, senón que todo pasa por unha combinación de procesos e modelos que permitan levar a cabo en cada rexión unha xestión dos residuos verdaderamente sostible”, resolveu.
Saúdos, Departamento de Comunicación