- Así o indicou a FAO con motivo da conmemoración do Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e Desperdicio de Alimentos.
- Destaca que os alimentos que non se consomen supoñen un desperdicio de recursos como a terra, a auga, a enerxía, o solo, as sementes e outros insumos utilizados para a súa produción.
- Reducir a perda e o desperdicio alimentario melloraría os sistemas agroalimentarios, contribuiría á seguridade alimentaria, á calidade dos alimentos e á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.
Cerceda, a 29 de setembro de 2021.- Con motivo da conmemoración do Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e Desperdicio de Alimentos, que se celebra hoxe, a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) alerta de que o 17% dos alimentos que se produciron en 2019 (931 millóns de toneladas) acabaron no cubo de lixo das familias, os comercios polo miúdo, os restaurantes e outros actores da cadea da alimentación. E isto ten lugar cando 811 millóns de persoas padecen fame e 132 millóns enfróntanse a inseguridade alimentaria e nutricional.
En termos económicos, a perda de alimentos estímase en 400.000 millóns de dólares ao ano.
Este organismo destaca que os alimentos que non se consomen supoñen un desperdicio de recursos como a terra, a auga, a enerxía, o solo, as sementes e outros insumos utilizados para a súa produción.
Ao respecto, a directora adxunta de Desenvolvemento Económico e Social da FAO, Nancy Aburto, explicou, nunha conferencia de prensa en Xenebra, que o problema do desperdicio de alimentos é mundial e que non se limita unicamente ás nacións ricas. “Uns 811 millóns de persoas sofren fame; 2.000 millóns teñen deficiencias de micronutrintes, é dicir, deficiencias de vitaminas e minerais; e millóns de nenos padecen retraso do crecemento e emaciación, formas mortais de desnutrición”.
Advertiu que, debido ao seu alto custo, as dietas saudables están fóra do alcance da gran maioría das persoas de todas as rexións do mundo, incluída Europa.
Asegurou que os países necesitan adoptar ferramentas innovadoras para reducir o desperdicio e citou como exemplo os novos empaquetados que poden prolongar a vida útil de moitos alimentos ou as aplicacións para teléfonos intelixentes que achegan a consumidores e produtores, acurtando o tempo entre a colleita e o consumo do alimento.
BENEFICIOS
Reducir a perda e o desperdicio de alimentos melloraría os sistemas agroalimentarios, axudaría a lograr a seguridade alimentaria e a garantir a calidade dos produtos, o que se reflectiría na nutrición.
Ademais, contribuiría “significativamente á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e da presión sobre os recursos terrestres e hídricos”.
Fonte e imaxe: FAO