- Isto sucedía mentres 783 millóns de persoas padecían fame e un terzo da humanidade atravesaba unha situación de inseguridade alimentaria
- Así mesmo, o desperdicio alimentario continúa a prexudicar a economía mundial e exacerba o cambio climático, a perda de natureza e a contaminación
- O PNUMA efectúa un seguimento dos progresos dos países para reducir á metade o desperdicio de alimentos de aquí a 2030, e cada vez céntrase máis nas solucións, como é a adopción de medidas sistémicas a través de alianzas público-privadas (APP)
Cerceda, a 11 de abril de 2024.- Segundo un informe do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), en 2022 os fogares de todos os continentes desperdiciaron o equivalente a máis de 1.000 millóns de comidas ao día, e isto mentres 783 millóns de persoas padecían fame e un terzo da humanidade atravesaba unha situación de inseguridade alimentaria.
Así mesmo, o desperdicio alimentario continúa a prexudicar a economía mundial e exacerba o cambio climático, a perda de natureza e a contaminación.
En 2022, xeráronse 1.050 millóns de toneladas de residuos alimentarios (incluídos os restos non comestibles), o que supón 132 kg por persoa e aproximadamente unha quinta parte de todos os alimentos dispoñibles para o consumo humano. Do total de comida refugada, o 60% correspondeu aos fogares, o 28% aos provedores de servizos alimentarios e o 12% ao comercio minorista.
Soamente catro países do G20 (Australia, Estados Unidos, Xapón e Reino Unido) e a Unión Europea dispoñen de estimacións axeitadas sobre o desperdicio de alimentos para realizar un seguimento dos progresos de aquí a 2030. Os datos confirman que, non só se trata dun problema dos "países ricos", xa que os niveis de desperdicio de alimentos nos fogares difiren en apenas 7 kg per cápita respecto da media observada para os países de ingreso alto, medio-alto e medio-baixo.
Emisións de GEI
Segundo datos recentes, a perda e o desperdicio de alimentos xeraron entre o 8% e o 10% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro (GEI) (case 5 veces máis que o sector da aviación), así como unha importante perda de biodiversidade ao ocupar o equivalente a case un terzo das terras agrícolas do mundo.
A previsión é que as zonas urbanas se beneficien en maior medida dos esforzos para impulsar a circularidade e a redución do desperdicio alimentario, xa que nas rurais hai unha maior desviación dos restos de comida cara aos animais domésticos, o gando e a compostaxe doméstica.
En 2022, só 21 países incluíron a perda de alimentos e/o a redución de refugallos nos seus plans climáticos nacionais, e o certo é que se necesitan bases de referencia sólidas e medicións periódicas para que se poidan constatar os cambios ao longo do tempo.
Solucións a través de alianzas público-privadas
O PNUMA efectúa un seguimento dos progresos realizados polos países para reducir á metade o desperdicio de alimentos de aquí a 2030, e cada vez céntrase máis nas solucións para logralo, sendo unha delas a adopción de medidas sistémicas a través de alianzas público-privadas (APP): mediante plataformas que reúnan ao sector público, ao sector privado e ao sector non gobernamental para cooperar, identificar pescozos de botella, codesenvolver solucións e impulsar o progreso.
Un financiamento axeitado pode permitir ás APP reducir o desperdicio de alimentos da granxa á mesa, así como as emisións de gases de efecto invernadoiro e o estrés hídrico, á vez que se comparten as mellores prácticas e foméntase a innovación para lograr un cambio holístico a longo prazo.
As APP contra a perda e o desperdicio de alimentos están a estenderse por todo o mundo, por exemplo, en Australia, Indonesia, México, Sudáfrica e o Reino Unido onde axudaron a reducir máis dunha cuarta parte do desperdicio de alimentos per cápita nos fogares no período 2007-2018.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pexels