- Con motivo desta efeméride, destacouse a urxencia de mudar a relación da humanidade coa natureza, xa que, ao alterar o delicado equilibrio, creáronse as condicións para a propagación de patóxenos, incluídos os coronavirus.
- Cabe destacar igualmente que a metade do PIB mundial depende da natureza. Océanos e bosques sosteñen a miles de millóns de persoas e proporcionan empregos verdes.
- As solucións baseadas na natureza, como a forestación e o uso de vexetación para arrefriar as nosas cidades e edificios, poden proporcionar ao redor dun terzo das reducións de emisións necesarias para cumprir cos obxectivos do Acordo de París.
- A directora executiva do PNUMA, Inger Andersen, ao expresar a súa solidariedade cos países que traballan para conter a pandemia do COVID-19, sinalou que a protección do medio ambiente é esencial para reconstruír mellor.
Cerceda, a 9 de xuño de 2020.- Coas cada vez maiores demandas dos humanos, levouse á natureza máis aló dos seus límites. Nun escenario mundial marcado pola crise sanitaria do COVID-19, o Día Mundial do Medio Ambiente, celebrado o pasado 5 de xuño, destacou a urxencia de mudar radicalmente a relación da humanidade coa natureza para preservar as nosas sociedades e previr futuras pandemias.
Nos últimos 50 anos, a poboación duplicouse e a economía e o comercio mundiais creceron case catro e dez veces, respectivamente. A aparición do COVID-19 puxo en evidencia que, cando destruímos a biodiversidade, destruímos o sistema que sustenta a vida humana, e, ao alterar o delicado equilibrio da natureza, creamos condicións para a propagación de patóxenos, incluídos os coronavirus.
Ao redor da metade do PIB mundial depende da natureza. Os nosos océanos e bosques sosteñen a miles de millóns de persoas e proporcionan empregos verdes, coa particularidade de que 4.000 millóns de persoas dependen principalmente das medicinas naturais. As solucións baseadas na natureza, como a forestación e o uso de vexetación para arrefriar as nosas cidades e edificios, poden proporcionar ao redor dun terzo das reducións de emisións necesarias para cumprir cos obxectivos do Acordo de París.
PROTEXER A NATUREZA, CLAVE PARA RECONSTRUÍR MELLOR
Malia as limitacións loxísticas como resultado da pandemia, os gobernos, o sector privado, a sociedade civil e persoas de todo o mundo sumáronse aos eventos, anuncios e chamadas do Día Mundial do Medio Ambiente para recoñecer a importancia da natureza para nosa saúde, as nosas economías e as nosas sociedades.
Varios líderes mundiais, como parte da Coalición de Alta Ambición pola Natureza e os Pobos, apoiaron unha declaración chamando "a todos os gobernos do mundo a reter intactos os nosos valiosos ecosistemas e áreas silvestres para preservar e administrar de xeito efectivo alomenos o 30% das áreas terrestres e mariñas do noso planeta de aquí a 2030, así como a restaurar e conservar a biodiversidade como un paso crucial para axudar a previr futuras pandemias e urxencias de saúde pública, sentando as bases dunha economía global sostible”.
Os mozos, que estiveron á vangarda da defensa ambiental, son unha parte clave dos esforzos para revertir a nosa relación pouco saudable coa natureza. Máis de 500 institucións de educación superior, que representan a 4,6 millóns de estudantes, anunciaron o seu apoio á campaña Race to zero (Carreira cara ao Cero) da COP26 de cambio Climático, ao comprometerse coa descarbonización e a integrar temas ambientais nos seus plans de estudo para 2050.
A directora executiva do PNUMA, Inger Andersen, ao expresar a súa solidariedade cos países que traballan para conter a pandemia, sinalou que a protección do medio ambiente é esencial para reconstruír mellor, e agregou que o mundo necesita solucións multilaterais para os desafíos ambientais que transcenden as comunidades, as fronteiras e os países.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente