- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente á última Newsletter corporativa do ano.
Pronto deixaremos atrás un ano que, ademais de dar o pistoletazo de saída a unha nova década, pasará aos anais da historia como un dos máis tráxicos que vivimos nas últimas décadas e con consecuencias devastadoras para moitas persoas e sectores.
Pero se algo caracteriza ao ser humano é o seu espírito de adaptación e de capacidade para facer fronte ás situacións máis adversas. A crise sanitaria cambiou radicalmente as nosas pautas de conduta, os nosos hábitos e os nosos valores, e a incerteza pasou a ser o mantra diario co que tivemos e temos que lidar.
Aquilo que outrora nos parecía insignificante, hoxe case o cualificamos como privilexio. O duro confinamento sufrido no seu momento, quizais nos servira para reencontrarnos con nosa propia existencia e comprender o sentido de moitos servizos básicos e esenciais nos que non repararamos.
O ordinario transformouse en extraordinario; as relacións sociais e persoais foron substituídas por un formato virtual case futurista, e os nosos ollos convertéronse na principal ferramenta de comunicación. E todo este cúmulo de cambios sucedéronse durante un exiguo período de tempo no que cada día constituía un reto a superar. “Un día máis, un día menos”, foi o lema co que desafiabamos a maldita pandemia.
Desde Sogama tentamos poñer o noso gran de area para que o tratamento de residuos, a pesar das adversidades derivadas do impacto da COVID-19, seguira o seu curso. Na primeira onda, enfrontándonos aos contratempos propios da escaseza de subministracións críticas para o correcto funcionamento das nosas instalacións e á gran preocupación por preservar a saúde dos traballadores e garantir o servizo ao conxunto do territorio galego.
Estamos ante un Nadal atípico, con ausencia de moitos seres queridos e con menos festas e celebracións, pero ninguén nos pode arrebatar a ilusión por un novo ano que, alomenos, sirva para cicatrizar feridas, que nos achegue un pouco acougo e tranquilidade, e que nos abra a porta a un futuro esperanzador.
En Sogama seguiremos arrimando o ombreiro facendo o que mellor sabemos: xestionar de forma sostible os residuos urbanos producidos por máis de 2.242.000 habitantes para evitar que estes representen unha ameaza para o medio ambiente e a saúde pública.
O noso maior desexo para 2021: que sexa o ano da RECUPERACIÓN.
Presidente
Javier Domínguez Lino