- Así o manifestou Pablo García Serrano, Director da campaña “Cada Lata Conta”, nunha entrevista publicada no último número da Newsletter de Sogama.
- Explicou que se trata dunha campaña de sensibilización ambiental centrada na reciclaxe de latas de bebidas, plenamente implantada en 14 países europeos, entre eles España, e a través da cal aspírase a mudar hábitos e prácticas para incrementar as taxas de reciclaxe, xa elevadas a día de hoxe, dun material plenamente circular.
- “Cada Lata Conta” tivo especial presenza en distintos puntos de España durante o ano 2018, destacando un dos seus recursos de comunicación por excelencia: a Pixelata, un mural conformado por 2.000 latas que ata recibiu o recoñecemento dos International Design Awards (Los Ángeles-USA) e a Bienal Iberoamericana de Deseño.
Cerceda, a 25 de abril de 2019.- “Cada Lata Cuenta” é un programa de concienciación e sensibilización ambiental centrado na reciclaxe de latas de bebidas que se atopa plenamente instaurado en 14 países europeos, entre os que figura España, e que incide na importancia de que os cidadáns separen e reciclen as súas latas de bebidas fóra do fogar, interiorizando desta forma a necesidade de contribuír á reciclaxe en calquera situación e en calquera lugar.
Pablo García Serrano é o Director deste ambicioso programa no que a concienciación da poboación cobra especial protagonismo, sen esquecer a necesaria colaboración da administración e as empresas.
As cifras de reciclaxe alcanzadas son moi positivas xa que, segundo datos de Ecoembes correspondentes ao ano 2017, o 86,9% dos envases metálicos consumidos en España foron reciclados, unha taxa que xa cumpre cos obxectivos europeos para 2030, situándose España á cabeza en Europa xunto con Alemaña, Holanda e Bélxica. Agora ben, tal e como sinala García Serrano, isto non debe levarnos á autocompracencia, polo que toca seguir traballando para alcanzar o obxectivo do 100% de reciclado dun material que se axusta totalmente aos principios da economía circular, xa que cada lata de bebidas pode converterse nunha nova ou noutro produto se previamente a depositamos no contedor correspondente, neste caso no amarelo; un xesto que permite aforrar auga, enerxía e materias primas, contribuíndo á loita contra o cambio climático.
VIAXANDO POR ESPAÑA PARA CONCIENCIAR
A campaña “Cada Lata Conta” tivo unha especial presenza en distintos puntos de España durante o ano 2018, especialmente en eventos e festivais onde o consumo de latas de bebidas é elevado. No marco da mesma, creouse Pixelata, un recurso de comunicación sobre reciclaxe que consiste nun mural participativo que permite configurar en cada festival unha obra de arte coas latas consumidas. Trátase dunha matriz con celdillas onde se aloxan as latas previamente pintadas polo público, creando pixeles que xuntos conforman unha imaxe alegórica do evento.
O mural, conformado por 2.000 latas, chamou a atención dos expertos e foi recoñecido polos International Design Awards (Los Ángeles, USA) nas categorías de Deseño para a Sostibilidade e Deseño para a Sociedade e, máis recentemente pola Bienal Iberoamericana de Deseño, cunha Mención en Deseño para a participación cidadá.
Para o 2019, a campaña xerará novas accións de sensibilización e implantará novas prácticas de xestión de envases en distintos eventos deportivos, festivais de música e praias, incorporando un labor de asesoramento a administracións e produtoras para mellorar a xestión de latas de bebidas nos seus eventos, facilitando materiais de recollida e accións de dinamización.
Saúdos, Departamento de Comunicación