- Os seus integrantes, que cursan o módulo de residuos, tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual polos distintos recunchos do Complexo Medioambiental de Cerceda, que complementaron cun percorrido a pé para coñecer, en primeira persoa, o tratamento que reciben os residuos
Cerceda, a 19 de novembro de 2024.- Participantes no obradoiro de emprego de Gondomar (Pontevedra), e que cursan o módulo de residuos, desprazáronse esta mañá a Cerceda para coñecer a actividade do Complexo Medioambiental de Sogama, xa que no mesmo centralízanse os residuos producidos por 295 concellos (máis de 2,2 millóns de habitantes), representando o sistema maioritario de xestión na comunidade galega.
Información, visita virtual e guiada, así como xogos, configuraron o programa de traballo deseñado para un grupo moi interesado en visualizar o tratamento dispensado aos residuos para posibilitar a súa reciclaxe, no caso das fraccións que reúnan os requisitos para isto, ou a valorización enerxética, é dicir, a transformación en electricidade daquela parte dos refugallos que non pode ser reciclada.
Logo da visita virtual, a través da cal puideron acceder a todos os recunchos das instalacións que conforman o Complexo cercedense, tiveron a oportunidade de realizar un percorrido guiado a pé para ver en primeira persoa a operativa das distintas plantas polas que discorre o residuo para ser recuperado, tomando conciencia da importancia crucial que ten a correcta separación de refugallos en orixe para propiciar o seu posterior reciclado. O motivo é que, aínda que esta empresa pública consegue segregar do lixo en masa aqueles elementos susceptibles de ser reciclados, ao estar mesturados con outros, a súa calidade para a reciclaxe mingua significativamente.
Así mesmo, e tendo en conta que do 16 ao 24 de novembro celébrase a Semana Europea da Prevención de Residuos 2024 e que xira en torno á loita contra o desperdicio alimentario, os monitores lembraron a necesidade de diminuír a inxente cantidade de comida que se tira ao cubo de lixo doméstico e de racionalizar as compras a través da elaboración dunha listaxe previa dos produtos que se precisan adquirir, dar unha oportunidade a aquelas froitas, verduras e hortalizas “feas”, que non cumpren os cánones estéticos, pero que teñen as mesmas propiedades nutritivas que as “guapas”, manter a orde na neveira e na despensa para consumir antes os artigos máis antigos, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para novos menús.
Saúdos, Departamento de Comunicación