- A súa pretensión é frear o incremento dos refugallos, prohibir o uso de químicos de longa permanencia, esixir que todos os envases sexan reciclables, e que os países da UE garantan que o 90 % dos materiais contidos nos envases se recollan por separado para 2029
- Cada europeo xerou en 2021 188,7 kg de refugallos de envases, cifra que, de non adoptar medidas, continuará aumentando, ata 209 kg en 2030,
Cerceda, a 23 de novembro de 2023.- O Parlamento Europeo adoptou a súa posición ao redor da nova normativa sobre envases para frear o aumento dos refugallos e impulsar a reutilización e a reciclaxe.
Ademais dos obxectivos globais de redución propostos no regulamento (5 % para 2030, 10 % para 2035 e 15 % para 2040), os eurodeputados queren establecer obxectivos específicos para os envases de plástico (10 % para 2030, 15 % para 2035 e 20 % para 2040). Así mesmo, propoñen prohibir a venda de bolsas de plástico moi lixeiras (de menos de 15 micras), a menos que o seu uso sexa necesario por razóns de hixiene ou que sirvan como embalaxe para alimentos soltos, axudando deste xeito a previr o desperdicio alimentario. Tamén formulan limitar en gran medida o uso de determinados formatos de embalaxe dun só uso, como os produtos de aseo en miniatura dos hoteis e o envoltorio para maletas nos aeroportos.
A fin de evitar efectos adversos para a saúde, o pleno pide que se prohíba o uso de químicos de longa permanencia, (substancias perfluoroalquiladas e polifluoroalquiladas, PFAs, en inglés) e o Bisphenol A nos envases para uso alimentario.
Os eurodeputados tamén pretenden clarificar os requisitos para a reutilización ou enchido dos envases. Neste sentido, os distribuidores finais de bebidas e comida para levar no sector de servizos alimenticios, como hoteis, restaurantes e cafeterías, deben ofrecer aos consumidores a opción de traer o seu propio recipiente.
Igualmente, as novas normas esixen que todos os envases sexan reciclables, cumprindo criterios estritos que deberán definirse vía lexislación secundaria, coa excepción dalgunhas exencións temporais, coma os envases alimentarios de madeira e cera.
En todo caso, o PE quere que os países da Unión Europea garantan que o 90% dos materiais contidos nos envases (plástico, madeira, metais ferrosos, aluminio, vidro, papel e cartón) recóllanse por separado para 2029.
Marco de referencia
Os envases son unha fonte cada vez maior de refugallos: na UE aumentaron de 66 millóns de toneladas en 2009 a 84 millóns de toneladas en 2021. Cada europeo xerou ese ano 188,7 kg de refugallos de envases, cifra que, de non adoptar medidas, continuará a crecer ata 209 kg en 2030.
Coa adopción deste informe, o Parlamento responde as demandas cidadás sobre a economía circular, a redución de refugallos, a eliminación gradual dos envases non sostibles e o problema dos plásticos dun só uso.
Saúdos, Departamento de Comunicación