- Con tal fin, preténdese reducir a burocracia, fomentar a innovación ao longo de toda a cadea de valor e apoiar ás pemes
- Tamén impulsar a investigación e o desenvolvemento de materiais alternativos, así como métodos de extracción e produción máis respectuosos co medio ambiente
- Durante as negociacións co Consello, a Eurocámara conseguiu que se establecesen obxectivos para fomentar a extracción de máis materias primas estratéxicas a partir de residuos
Cerceda, a 2 de xaneiro de 2024.- O Parlamento Europeo deu luz verde definitiva aos plans para impulsar a subministración de materias primas estratéxicas da Unión. A Lei Europea de Materias Primas Fundamentais pretende aumentar a competitividade e a soberanía da Unión a través da redución da burocracia, o fomento da innovación ao longo de toda a cadea de valor e o apoio ás pemes. Ademais, ten como obxectivo impulsar a investigación, o desenvolvemento de materiais alternativos, e métodos de extracción e produción máis respectuosos co medio ambiente.
A normativa ofrecerá incentivos económicos e un marco empresarial máis estable e seguro para os proxectos de minería e reciclaxe, con procedementos de autorización máis rápidos e sinxelos.
Durante as negociacións co Consello, a Eurocámara presionou para que se prestase máis atención á produción e estensión da cota dos materiais que poidan substituír ás materias primas estratéxicas e conseguiu que se establecesen obxectivos para fomentar a extracción de máis materias primas estratéxicas a partir de residuos.
Asociacións estratéxicas con terceiros países
A Eurocámara tamén destacou a importancia das asociacións estratéxicas entre a Unión e terceiros países en canto ás materias primas fundamentais, a fin de diversificar o abastecemento europeo, con beneficios para todos os implicados. Garantiu medidas para achandar o camiño a asociacións a longo prazo mediante a transferencia de coñecementos e tecnoloxía, a formación e a capacitación para novos postos de traballo con mellores condicións laborais e salariais, así como a extracción e o procesamento segundo as normas ecolóxicas máis esixentes nos países socios.
Contexto
As materias primas fundamentais son cruciais para as transicións ecolóxica e dixital da Unión Europea, polo que garantir a súa subministración é de vital importancia para a resistencia económica, o liderado tecnolóxico e a autonomía estratéxica de Europa. Por mor da guerra rusa contra Ucraína e dunha política comercial e industrial chinesa cada vez máis agresiva, o cobalto, o litio e outras materias primas convertéronse tamén nun factor xeopolítico.
O cambio a escala mundial cara ás enerxías renovables e a dixitalización das economías e as sociedades fará que a demanda destas materias primas estratéxicas aumente a pasos axigantados nas próximas décadas.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pixabay