- Considera que os produtos deben durar máis e ser máis fáciles de reparar, actualizar e reciclar
- Os Eurodeputados piden á Comisión requisitos de sostibilidade para distintos grupos de materiais tales como o aceiro e aluminio, téxtiles, mobles, pneumáticos e produtos químicos
- Tamén queren que quede prohibida a destrución de téxtiles e equipos electrónicos non vendidos
Cerceda, a 13 de xullo de 2023.- O Parlamento fixou a súa posición negociadora para as conversacións cos gobernos comunitarios sobre unha nova lei para facer os produtos da UE máis sostibles.
Os eurodeputados aprobaron con 473 votos a favor, 110 en contra e 69 abstencións o informe elaborado pola comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria sobre a revisión do marco lexislativo da UE en relación ao ecodeseño.
O Parlamento reforza as medidas propostas pola Comisión para garantir unha maior duración dos produtos e que os consumidores estean mellor informados. Considera que a vida útil dun produto non debe estar limitada polas características do deseño e que as actualizacións informáticas, os consumibles (por exemplo, cartuchos de tinta, lámpadas, bolsas de café), as pezas de recambio e os accesorios tamén deben estar dispoñibles durante un período axeitado.
A lei establece un novo «pasaporte de produtos» con información precisa e actualizada que aumentará a transparencia e permitirá aos consumidores tomar decisións de compra informadas.
O texto pide á Comisión priorizar, nas medidas para desenvolver a lexislación de ecodeseño, os requisitos de sostibilidade para unha serie de grupos de produtos tales como o aceiro e o aluminio, os téxtiles, os mobles, os pneumáticos, os deterxentes, as pinturas, os lubricantes e os produtos químicos. Os eurodeputados tamén queren que quede explicitamente prohibido destruír téxtiles e equipos electrónicos non vendidos.
A relatora Alessandra Moreti (S&D, Italia) manifestou que esta lei garante que os novos produtos se deseñen de forma que acheguen beneficios a todos e que respecten os límites do noso planeta e protexan o medio ambiente. “Os produtos sostibles serán a norma na UE, o que permitirá aos consumidores aforrar enerxía, facilitar as reparacións e tomar decisións ambientais intelixentes cando compren, co consecuente aforro a longo prazo”, precisou.
O Parlamento está listo para iniciar conversacións cos gobernos nacionais sobre a forma final da lei.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pixabay