- Segundo a Comisión Europea, a eliminación prematura de bens de consumo xera 261 millóns de toneladas de emisións equivalentes de CO2, utiliza 30 millóns de toneladas de recursos e produce 35 millóns de toneladas de residuos cada ano na UE
Cerceda, a 7 de novembro de 2023.- A comisión de Mercado Interior e Protección do Consumidor do Parlamento Europeo adoptou a súa posición sobre un novo «dereito á reparación» para os consumidores co que se pretende impulsar as reparacións durante e máis aló do período de garantía legal dun produto, así como promover unha nova cultura que axude a minimizar a xeración de residuos.
Segundo o texto aprobado, os vendedores estarán obrigados a ofrecer reparacións gratuítas dentro do período de garantía legal, excepto cando sexa máis caro que a substitución, sexa imposible de feito ou supoña un inconveniente para o consumidor.
Os eurodeputados defenden a aplicación de incentivos para que os consumidores opten pola reparación en lugar da substitución dentro do período de responsabilidade, como é o caso da ampliación dun ano da garantía legal para os produtos reparados, e que os Estados membros utilicen incentivos financeiros como vales e fondos nacionais.
Os fabricantes estarían obrigados a reparar un determinado número de produtos (por exemplo, lavadoras domésticas, aspiradoras, teléfonos intelixentes, bicicletas) aínda que queden fóra do ámbito de aplicación da garantía legal. Para fomentar esta práctica, os eurodeputados piden que as reparacións se leven a cabo nun prazo razoable e que os produtores poidan ofrecer dispositivos de substitución en préstamo aos consumidores. É dicir, se un produto non se pode reparar, os produtores poderían ofrecer un reacondicionado no seu lugar.
Mercado de reparacións máis transparente e competitivo
Os reparadores independentes, restauradores e usuarios finais terían acceso a todas as pezas de recambio, información e ferramentas a un custo razoable durante toda a vida útil dun produto. Esta medida impulsará a competencia, reducirá os custos de reparación e dará máis opcións aos consumidores.
As plataformas nacionais en liña permitirían aos clientes atopar reparadores locais (por exemplo, os coñecidos como repair cafés) e vendedores de produtos reacondicionados. Os consumidores tamén poderían obter unha visión xeral das condicións de reparación de cada aparello, incluída información sobre o reparador, o prezo máximo e o tempo necesario, e así poderían comparar distintas ofertas.
O proxecto de mandato será votado polos eurodeputados na sesión plenaria do 20 ao 23 de novembro. Unha vez que o Consello adopte a súa posición, poderán comezar as negociacións sobre o texto definitivo.
Consecuencia da eliminación prematura de bens de consumo
Segundo a Comisión Europea, a eliminación prematura de bens de consumo xera 261 millóns de toneladas de emisións equivalentes de CO2, utiliza 30 millóns de toneladas de recursos e produce 35 millóns de toneladas de residuos cada ano na UE. Ao mesmo tempo, os consumidores que optan pola substitución en lugar da reparación, perden aproximadamente 12.000 millóns de euros anuais.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pixabay