- Acordou que un dereito á reparación efectiva debe abordar todo o ciclo de vida dun produto e ter en conta factores tales como o deseño, a produción ética, a estandarización e a información ao consumidor
- Os residuos electrónicos son o fluxo de refugallos que máis crece no mundo, con máis de 53 millóns de toneladas refugadas en 2019
Cerceda, a 12 de abril de 2022.- O Parlamento quere que sexa máis fácil reparar que comprar novos dispositivos e considera que o dereito a reparar é un paso crucial para lograr os plans de acción da Economía Circular, enmarcados no Pacto Verde Europeo.
Recentemente, aprobou as súas demandas para unha próxima proposta da Comisión Europea sobre o dereito á reparación prevista para finais de 2022.
Os eurodeputados acordaron que un dereito á reparación efectiva debe abordar todo o ciclo de vida dun produto e ter en conta factores como o deseño, a produción ética, a estandarización e a información ao consumidor. Neste sentido, debe promover un uso máis eficiente dos recursos, reducir os residuos e fomentar un uso prolongado dos produtos.
En definitiva, queren que os produtos se deseñen para durar máis tempo, que sexan reparables de forma segura e facilmente desmontables. Manteñen que un "dereito a reparar" axeitado debería dar ás empresas de reparación e aos consumidores acceso á información sobre reparación e mantemento de forma gratuíta.
En canto aos dispositivos dixitais, sosteñen que as actualizacións informáticas deben ser reversibles e non provocar unha diminución do rendemento de, por exemplo, os teléfonos intelixentes. Estas deben estar dispoñibles durante un período mínimo de tempo, sendo necesario que os consumidores reciban, no momento da compra, toda a información sobre a dispoñibilidade das devanditas actualizacións.
As prácticas que limiten indebidamente o dereito de reparación ou conduzan á obsolescencia poderían considerarse "prácticas comerciais desleais" e quedar prohibidas pola lexislación da UE.
PUNTOS CRAVE DUNHA FUTURA LEI SOBRE O “DEREITO A REPARAR”
Os eurodeputados tamén demandan:
- Incentivos para que os consumidores elixan a reparación no canto da substitución, como a ampliación das garantías ou a recepción dun aparello de substitución mentres dure a reparación
- Normas harmonizadas de información para os consumidores no punto de venda, incluíndo "puntuacións de reparación", vida útil estimada, pezas de reposto, servizos de reparación e a dispoñibilidade de actualizacións informáticas
- A posibilidade dunha etiquetaxe intelixente, con códigos QR ou pasaportes dixitais de produtos
- A introdución dun posible mecanismo de responsabilidade conxunta do fabricante e o vendedor en caso de non conformidade cun produto, e
- A inclusión de requisitos de durabilidade e reparación nunha futura Directiva de deseño ecolóxico.
Segundo unha enquisa do Eurobarómetro, o 79% dos cidadáns da UE cre que se debe esixir aos fabricantes que faciliten a reparación dos dispositivos dixitais ou a substitución das súas pezas individuais. Do mesmo xeito, o 77% preferiría reparar os seus dispositivos antes que comprar outros novos.
Os residuos electrónicos son o fluxo de refugallos que máis crece no mundo, con máis de 53 millóns de toneladas refugadas en 2019.
Fonte e imaxe: Parlamento Europeo