- Insta á Comisión a adoptar medidas lexislativas antes do verán (en concreto do mes de xullo).
- A pretensión última é reducir a cantidade de lixo electrónico e facilitar aos consumidores opcións sostibles, xa que o curto ciclo de vida dalgúns dispositivos con eva a produción de máis residuos.
- En 2016, o lixo electrónico en Europa alcanzou os 12,3 millóns de toneladas métricas, equivalentes a 16,6 quilos por habitante.
Cerceda, a 3 de febreiro de 2020.- O pasado xoves, o Parlamento Europeo instou á Comisión a adoptar medidas lexislativas antes do verán (en concreto do mes de xullo) a fin de facer realidade o cargador único para os dispositivos electrónicos portátiles.
A pretensión última desta iniciativa é reducir a cantidade de lixo electrónico e facilitar aos consumidores opcións sostibles, xa que o curto ciclo de vida dalgúns dispositivos conleva tamén a produción de máis residuos.
A resolución foi aprobada con 582 votos a favor, 40 en contra e 37 abstencións, e na mesma contémplase que, sen obstaculizar a innovación, a CE debe garantir que o marco lexislativo aplicable a un cargador común é verificado regularmente para ter en conta os avances técnicos. Neste sentido, os eurodeputados inciden en que a investigación e a innovación son fundamentais para mellorar as tecnoloxías existentes e desenvolver outras novas.
O Parlamento tamén reclama á Comisión medidas para asegurar a interoperabilidade dos distintos cargadores inarámicos con diferentes dispositivos móbiles; o estudo de iniciativas lexislativas para aumentar o volume de cables e cargadores recollidos e reciclados nos Estados membros; e garantir que os consumidores non sigan obrigados a comprar un novo cargador con cada dispositivo novo.
Segundo o PE, esta estratexia deberá despregarse en paralelo ao cargador común e sen levar aparellados prezos máis altos.
ESCENARIO
Calcúlase que os residuos electrónicos representan ao redor de 50 millóns de toneladas métricas ao ano no mundo, o que supón unha media de 6 quilos por persoa. En 2016, o lixo electrónico alcanzou en Europa os 12,3 millóns de toneladas métricas, equivalentes a 16,6 quilos por habitante.
A directiva de 2014 sobre equipos radioeléctricos xa reclamaba o desenvolvemento dun cargador único para todos os modelos de móbil, tabletas, libros electrónicos e outros dispositivos portátiles, e tamén daba á Comisión competencias para impulsar este obxectivo a través dun acto delegado.
O enfoque da Comisión, que se limitou a “animar” á industria a avanzar cara ao cargador único, resulta insuficiente para o Parlamento. Durante o debate do pasado 13 de xaneiro, a Comisión destacou que si se produciron avances: mentres en 2009 había máis de trinta tipos de cargador, na actualidade hai principalmente tres.
No seu programa de traballo para 2020, que presentou o 29 de xaneiro, a Comisión Europea comprométese a lexislar neste ámbito durante o terceiro trimestre de 2020.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación