- Nunha entrevista concedida a Sogama, e publicada no seu último número da Newsletter, Gabriel Leal, director xeral de SIGNUS, organización de referencia no sector, explicou o labor deste SIX, que inclúe toda a cadea de valor: desde a propia recollida dos pneumáticos nos puntos de xeración ata a súa reciclaxe e/ou valorización daqueles que chegaron ao fin da súa vida útil.
- Unha das prioridades de SIGNUS é precisamente o I+D+i, o que levou a esta entidade a colaborar con nove universidades, catro centros de investigación do CSIC e outras tres empresas para ampliar as aplicacións dos produtos obtidos a partir da granulación dos pneumáticos fóra de uso.
Cerceda, a 1 de agosto de 2019.- En pouco máis dunha década, o pneumático fóra de uso pasou dunha xestión dispersa e con escaso control a unha xestión modélica grazas ao bo facer de entidades como SIGNUS Ecovalor. Todo arrincou en xullo de 2006, cando se prohibiu o depósito de pneumáticos fóra de uso en vertedoiro. A partir de aí, decidiuse poñer en marcha un sistema colectivo de xestión que supoñía todo un reto en canto a loxística, tratamento e transformación destes materiais en novos produtos.
A día de hoxe, tal e como manifesta o director xeral de SIGNUS, Gabriel Leal, nunha entrevista recollida no último número da Newsletter de Sogama, España ten capacidade en exceso para xestionar dunha forma sostible a totalidade dos pneumáticos xerados no país e que chegaron ao final da súa vida útil, coa particularidade de que tamén foron evolucionando os mercados de valorización dos produtos obtidos a partir dos mesmos, propiciando desta forma o impulso da economía circular mediante a transformación de residuos en recursos.
De aí que unha das prioridades de SIGNUS sexa precisamente o I+D+i, o que levou a esta entidade a colaborar con nove universidades, catro centros de investigación do CSIC e outras tres empresas para ampliar as aplicacións dos produtos obtidos a partir da granulación dos pneumáticos fóra de uso.
TRATAMENTO DIFERENCIADO PARA UNHA CORRECTA VALORIZACIÓN
A xestión deste SIX inclúe toda a cadea de valor, que vai desde a propia recollida dos pneumáticos nos puntos de xeración ata a súa reciclaxe e/ou valorización daqueles que chegaron ao fin da súa vida útil.
Unha vez recollidos, os pneumáticos clasifícanse nos Centros de Recollida e Clasificación onde se seleccionan os reutilizables para a súa revenda no mercado de ocasión ou á industria do recauchutado, mentres que os que non cumpre con estas condicións e chegaron ao fin da súa vida útil, reciben o tratamento axeitado para obter a partir dos mesmos produtos demandados no mercado, ben como materia prima ou combustible de substitución.
As aplicacións do pneumático reciclado son múltiples: desde recheo de campos de céspede artificial ata chans de seguridade e parques infantís, incrementándose tamén este ano, e respecto de exercicios anteriores, o uso de po de pneumático para mesturas asfálticas. O pneumático triturado ou enteiro tamén se utiliza en distintos proxectos de obra civil.
Respecto da súa valorización enerxética, tamén se utilizou como combustible de substitución de combustibles fósiles en cementeiras e para a obtención de enerxía en plantas de produción eléctrica.
Como entidade sen ánimo de lucro, SIGNUS finánciase a través do Ecovalor, que é a cantidade que o produtor (a empresas importadoras de pneumáticos adheridas) engaden, en liña aparte, a cada factura de pneumáticos ao ser comercializados no mercado de substitución; unha cantidade, sen variación, que é repercutida en toda a cadea de distribución ata chegar ao consumidor final.
A educación e formación ambiental na materia tamén se atopa na folla de ruta desta organización, que xa levou a cabo proxectos interesantes dirixidos a escolares de distintos niveis educativos.
Saúdos, Departamento de Comunicación