- Faino a través do informe “Da contaminación á solución”, que destaca que o plástico representa o 85% do lixo mariño e advirte que, para 2040, os volumes de contaminación plástica que chegan ás zonas mariñas case se triplicarán, engadindo cada ano 23-37 millóns de toneladas métricas de residuos plásticos ao océano.
- Os expertos aseguran que, máis aló da regulación normativa, hai varias cousas que a xente común pode facer para axudar a abordar o crecente custo que este material está a ter no medio ambiente.
- Recomendan adoptar un estilo de vida circular, non usar luvas de plástico, rexeitar o plástico nas nosas compras, participar en tarefas de limpeza en contornas naturais, deixar de fumar e sumarse á campaña “Mares Limpos”.
Cerceda, a 9 de decembro de 2021.- Un informe do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) “Da contaminación á solución” mostra que, nos últimos anos, a contaminación por plástico creceu considerablemente nos ecosistemas acuáticos e prevese que se duplique con creces para 2030.
O documento destaca que o plástico representa o 85% do lixo mariño e advirte que, para 2040, os volumes de contaminación plástica que chegan ás zonas mariñas case se triplicarán, engadindo cada ano 23-37 millóns de toneladas métricas de residuos plásticos ao océano. Isto tradúcese nuns 50 kg de plástico por metro de costa en todo o mundo.
Os expertos aseguran que, máis aló da regulación normativa, hai varias cousas que a xente común pode facer para contribuír a reducir o crecente custo que este material está a ter no medio ambiente. Así, recomendan:
1.- Adoptar un estilo de vida circular. É dicir, que os produtos e os materiais que os compoñen se reutilicen en lugar de tiralos. É por isto que se fai necesario investir en produtos sostibles e respectuosos co océano, como cuncas de café reutilizables, botellas de auga e envases de alimentos, tendo en conta outras opcións como cueiros reutilizables, cepillos de dentes de bambú e xampús sólidos.
O estudo do PNUMA mostra que en 2015 as emisións de gases de efecto invernadoiro dos plásticos equivalían a 1,7 xigatóns de CO2, e prevese que ascenderán a unhas 6,5 xigatóns para 2050. Isto representa o 15% de todo o orzamento mundial de carbono, é dicir, da cantidade. de gases de efecto invernadoiro que se poden emitir mantendo o quecemento dentro dos obxectivos do Acordo de París.
2.-Desbotar as luvas de plástico. O COVID-19 provocou un aumento no uso de luvas de plástico desbotables. Ademais de ser prexudiciais para o medio ambiente, a OMS sostén que as luvas corren o risco de trasladar xermes dunha superficie a outra. Explica que é máis seguro lavarse as mans con frecuencia.
Os produtos de coidado persoal son unha fonte importante de microplásticos que se verten directamente dos nosos baños aos océanos. Por iso, é recomendable optar por formatos sen plástico.
3.- Rexeita o plástico cando vaias mercar. Trátase de reducir a nosa pegada de contaminación escollendo alimentos sen envases de plástico e levando sempre unha bolsa reutilizable. Algunhas tendas teñen agora corredores sen plástico e moitas levan artigos soltos ou usan dispensadores e envases recargables.
4.- Contornas naturais limpas. O plástico está en todas partes: nos parques, nos ríos e nas praias. Recoméndase unirse a movementos globais e locais para limpar contornas naturais ou organizar por conta propia. Ao redor do 80% do lixo mariño orixínase na superficie terrestre e nos ríos.
5.- Deixar de fumar. O tabaquismo non só é unha das maiores ameazas para a saúde pública mundial, senón que tamén contribúe á enorme contaminación plástica dos nosos océanos. Todos os días véndense milleiros de millóns de cigarros en todo o mundo, cada un con filtros de plástico e produtos químicos tóxicos. Durante máis de 25 anos, as cabichas de cigarros foron o principal obxecto recollido durante a xornada de Limpeza Costeira Internacional.
6.- Sumarse á campaña Mares Limpos do PNUMA. A través da plataforma Mares Limpos, o PNUMA reúne a persoas, grupos da sociedade civil, industria e gobernos para reducir drasticamente o lixo mariño e os seus impactos negativos.
Mares Limpos lanzouse en 2017 e desde entón 63 países costeiros e sen litoral uníronse a este movemento global con promesas ambiciosas.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pexels