- Xunto co Consello Mundial de Viaxes e Turismo, publicou un novo informe sobre esta cuestión, que sae á luz precisamente no momento en que o sector das viaxes e o turismo empeza a mostrar signos de recuperación tras a pandemia.
- O obxectivo do documento é axudar ás partes interesadas a dar pasos colectivos que impulsen un cambio cara a modelos de redución e reutilización, en liña cos principios de circularidade, así como coas infraestruturas de residuos actuais e futuras.
Cerceda, a 2 de xullo de 2021.- O Consello Mundial de Viaxes e Turismo (WTTC) e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) publicaron un novo informe que aborda a complexa cuestión dos produtos plásticos dun só uso nas viaxes e o turismo.
Este informe, que leva por título «Rethinking Single-Use Plastic Products in Travel & Tourism» (Como repensar os produtos plásticos dun só uso na industria turística), sae á luz precisamente no momento en que os países de todo o mundo comezan a reabrir as súas portas e o sector das viaxes e o turismo empeza a mostrar signos de recuperación tras a COVID-19.
Botellas de auga, artigos de tocador refugables, bolsas de plástico, envases de alimentos e vasos atópanse entre os maiores contaminadores de plástico asociados ao turismo, segundo revela este documento.
O informe constitúe un primeiro paso para mapear os produtos plásticos dun só uso na cadea de valor de viaxes e turismo, identificando os puntos conflitivos das fugas ambientais e proporcionando recomendacións prácticas e estratéxicas para as empresas e os responsables políticos.
O seu obxectivo é axudar ás partes interesadas a dar pasos colectivos que impulsen un cambio cara a modelos de redución e reutilización, en liña cos principios de circularidade, así como coas infraestruturas de residuos actuais e futuras.
As recomendacións do informe inclúen redefinir os produtos plásticos dun só uso innecesarios no contexto da propia empresa; dar preferencia contractual aos provedores de produtos reutilizables; planificar de forma proactiva procedementos que eviten a volta aos produtos de plástico dun só uso en caso de brotes de enfermidades; apoiar a investigación e a innovación no deseño de produtos e modelos de servizo que diminúan o uso de artigos de plástico, e revisar as políticas e as normas de calidade, tendo en conta a redución de residuos e a circularidade.
CONTAMINACIÓN POR PLÁSTICOS NO MARCO DA PANDEMIA
A demanda de artigos de plástico dun só uso aumentou, xa que a seguridade é unha das principais preocupacións dos turistas, e os servizos de comida para levar van en aumento. Segundo o Instituto de Medio Ambiente de Tailandia, os residuos de plástico pasaron de 1.500 toneladas á asombrosa cifra de 6.300 toneladas diarias, debido ao aumento das entregas de comida a domicilio.
Con todo, a pandemia tamén catalizou a demanda dos consumidores de experiencias de turismo verde en todo o mundo, xa que un estudo global de 2019 desvelou que o 82% dos enquisados son conscientes dos residuos de plástico e xa están a tomar medidas prácticas para abordar a contaminación.
Dado que ao redor do 90% do plástico dos océanos procede de fontes terrestres e que o dano anual provocado por este material nos ecosistemas mariños ascende a 13.000 millóns de dólares, é fundamental abordar de forma proactiva o reto dos plásticos no sector das viaxes e o turismo.
Fonte e imaxe: PNUMA