- A Iniciativa Global de Turismo e Plásticos publica unha serie de recomendacións para que este sector continúe combatendo a contaminación plástica, á vez que mantén a saúde pública e a hixiene ante a pandemia.
Cerceda, a 4 de agosto de 2020.- O turismo, que representa o 10% do PIB mundial, foi duramente golpeado pola pandemia do COVID-19, poñendo en risco, segundo a ONU, máis de 100 millóns de empregos. No proceso de recuperación económica, Nacións Unidas recomenda que este sector se reconstrúa mellor e que siga avanzando na loita contra a contaminación por plásticos.
Se ben respondeu de forma eficiente a esta crise sanitaria cun plan de acción centrado na saúde e a hixiene, ONU advirte que, se as medidas implantadas non se xestionan axeitadamente, poden ter un negativo impacto ambiental derivado da xeración adicional de residuos, o consumo desmedido de auga e a contaminación polo uso de produtos químicos.
Co título “Recommendations for the Tourism Sector to Continue Taking Action on Plastic Pollution During COVID-19 Recovery”, a Iniciativa Global de Turismo e Plásticos, liderada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e a Organización Mundial do Turismo (OMT), en colaboración co Fundación Ellen MacArthur, presentou recentemente un informe no que se recollen unha serie de consellos para abordar as causas profundas da contaminación plástica.
O documento ilustra como se podería contribuír significativamente a unha recuperación responsable do sector turístico. Con tal fin, apunta a medidas tales como reducir a pegada plástica, aumentar o compromiso dos provedores, traballar máis de preto cos operadores de servizos de recollida de residuos e garantir a transparencia nas accións tomadas. Ademais, destaca a importancia dos procedementos de limpeza e saneamento, así como a comunicación continua e transparente co persoal e os clientes durante e logo da pandemia.
SUMANDO ESFORZOS
Empresas globais de turismo foron as primeiras que se sumaron a esta Iniciativa, xunto cos principais actores da industria e organizacións de apoio que actuarán como multiplicadores.
Anunciada en xaneiro de 2020, a actúa como a interface do sector turístico do Compromiso Global pola Nova Economía dos Plásticos, que une a máis de 450 empresas, gobernos e outras organizacións cara a un obxectivo común: facer fronte aos residuos plásticos.
Fonte: ONU
Imaxe: Pixabay