- O obxectivo é deseñar e establecer os pasos necesarios para eliminar, en 2030, estes puntos negros e, en consecuencia, emendar os impactos que teñen sobre a saúde e o medio ambiente.
Cerceda, a 5 de xullo de 2021. – O PNUMA (Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente) presentou unha Folla de Roteiro para o progresivo peche dos vertedoiros incontrolados en América Latina e o Caribe. O obxectivo é deseñar e establecer os pasos necesarios para eliminar, en 2030, estes puntos negros e, en consecuencia, emendar os impactos que teñen sobre a saúde e o medio ambiente.
O estudo, presentado nun evento de alto nivel, é resultado do traballo da Coalición voluntaria de gobernos e organismos pertinentes, apoiada polo PNUMA. Este mecanismo foi creado en 2018, no marco do Foro de Ministros e Ministras de Medio Ambiente de América Latina e o Caribe, onde se estableceu o peche dos vertedoiros como unha prioridade en materia de loita contra a contaminación.
Esta coalición confórmana actualmente 17 Estados e 12 organismos non gobernamentais da rexión, e conta coa participación do PNUMA como secretaría. A súa pretensión é promover a transición efectiva cara á xestión integral de residuos na rexión de América Latina e o Caribe, articulando actividades de sensibilización e capacitación, e incluíndo tamén o desenvolvemento de orientacións técnicas e financeiras.
O vertido incontrolado de residuos é un problema que afecta a toda a rexión, aínda que non da mesma forma. Mentres que a xeración de lixo segue aumentando e as taxas de reciclaxe sitúanse por baixo do 10%, o 70% dos municipios non están a xestionar os refugallos de forma correcta, o que equivale ao lixo xerado por 170 millóns de persoas.
A Folla de Roteiro está deseñada para que os gobernos a adapten ás súas circunstancias particulares. A súa implementación ao longo da próxima década garantirá un medio ambiente saudable para as futuras xeracións, en liña cos compromisos establecidos no marco da Axenda 2030.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente