- Entre as medidas a instaurar, destácase os agasallos feitos en casa ou elaborados a partir de materiais reciclados, a moda sostible, as compras e viaxes locales, os obxectos de segunda man, os artigos reutilizables en lugar dos refugables, dieta rica en vexetais e menos desperdicio alimentario
Cerceda, a 27 de decembro de 2022.- En moitas partes do mundo, o Nadal tradúcese en comprar sen control, dando lugar a un consumismo exacerbado que prexudica o medio ambiente e alimenta unha tripla crise planetaria da que non escapamos: cambio climático, perda de natureza e biodiversidade, e contaminación e refugallos.
As investigacións do PNUMA evidencian que aproximadamente dous terzos das emisións de gases de efecto invernadoiro están vinculadas ás decisións adoptadas nos fogares, polo que os cambios no estilo de vida poderían contribuír a reducir as emisións debidas ao quecemento do planeta ata nun 70% para 2050.
Namentres, algunhas medidas que podemos instaurar son as seguintes:
1.Agasallos feitos na casa ou reciclados
Activa a túa creatividade. Busca agasallos que proveñan de materiais reciclados ou de empresas que lles garanten unha segunda vida, promovendo desta forma a economía circular.
2. Moda sostible
A cidadanía compra hoxe un 60% máis de roupa que hai 15 anos e dálle unha vida útil de apenas a metade do tempo media. Isto orixina unha pesada carga sobre o planeta. A industria da moda é o segundo maior consumidor de auga e é responsable de entre o 2 e o 8% das emisións globais de carbono. Recoméndase apostar por marcas comprometidas coa sostibilidade e cadeas de subministración ecolóxicas.
Na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático en 2018 (COP 24), un gran número de empresas de moda asinaron a Carta da Industria da Moda da ONU para a Acción Climática, comprometéndose así a lograr emisións netas cero para 2050.
3. Comprar e viaxar localmente
Comprar produtos e alimentos cultivados localmente, trae consigo importantes beneficios: pode resultar máis económico, axuda ás empresas locais e reduce a distancia que deben percorrer as mercadorías, coa conseguinte diminución de CO2 á atmosfera.
Optar por unhas vacacións máis preto de casa, e preferiblemente na natureza, pode ser gratificante para a saúde, a economía local, o medio ambiente e o noso peto.
4. Obxectos de segunda man
Compra cousas únicas, de segunda man, e propicia que o que xa non utilices, atope un novo fogar. Isto non só permite realizar agasallos creativos e únicos, senón que aforra diñeiro e fomenta a reutilización.
5. Substituír os refugables por reutilizables
Cada minuto, vértese no océano o equivalente a un camión de lixo de plástico. A metade de todo o plástico producido no mundo está deseñado para usarse tan só unha vez e logo refúgase. A contaminación por plásticos reduce a capacidade dos ecosistemas para adaptarse ao cambio climático, o que prexudica directamente os medios de vida, a produción de alimentos e o benestar de millóns de persoas.
Rexeita as bolsas ou envases plásticos dun só uso, trata de envolver os agasallos en papel reciclado ou material reutilizable como a tea, evita a utilización de cuncas refugables, botellas de auga de plástico e recipientes de alimentos, substituíndoos por artigos reutilizables.
6. Minimizar o desperdicio alimentario
Adquire só o que necesitas. Un terzo de todos os alimentos producidos no mundo (1.300 millóns de toneladas) desperdícianse cada ano. Deste total, case 570 millóns de toneladas pérdense ou desperdícianse nos fogares. Este desperdicio contribúe innecesariamente á perda de biodiversidade, a contaminación e o cambio climático.
7. Comer alimentos vexetais
Introduce nesta época de Nadal unha dieta máis rica en vexetais. Un gran número de culturas de todo o mundo ofrecen infinidade de receitas a base de verduras que son nutritivas e respectuosas co planeta.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente