- Artigo de opinión do presidente executivo da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Javier Domínguez Lino
O desorbitado prezo da enerxía, acrecentado pola guerra de Ucraína, está a limitar en gran medida a actividade de moitas empresas e castigando con dureza os petos das familias, cuxas economías se atopan aínda debilitadas polas serias consecuencias dunha pandemia que dura xa demasiado tempo.
Sen dúbida, a célebre frase de que “A enerxía move o mundo”, cobra actualmente todo o seu sentido nunha sociedade que incorporou de cheo as novas tecnoloxías á súa forma de vida. O consumo enerxético dispárase e crece cada ano porque o noso día a día require de boas doses de electricidade e combustibles.
O escenario bélico que nos tocou vivir, e que supón un desafío para Europa e o resto do mundo, obrigounos a viaxar no tempo e enfrontar un imperialismo trasnoitado e nostálxico que, ao fin e ao cabo, puxo en evidencia o que xa todos sabiamos: a nosa alta dependencia enerxética externa, véndose mesmo comprometidas as importacións de materias primas básicas.
Malia que os expertos o levan advertindo desde hai moitos anos, o negativo impacto ambiental e o alto custo das fontes tradicionais de enerxía (petróleo e carbón fundamentalmente), require de alternativas máis ecolóxicas que podemos atopar aquí e agora. É por isto que as enerxías renovables deben recoller a luva e aproveitar as fortalezas de cada territorio para arroxar luz sobre un escenario aciago que se apaga día tras día e que compromete a nosa subsistencia no mundo que hoxe coñecemos.
A produción de enerxía a partir dos residuos non reciclables, constitúe unha magnífica vía de apoio. Así o viron, desde hai décadas, os países europeos máis avanzados e respectuosos co medio ambiente, que contan con preto de 500 plantas de valorización enerxética, moitas das cales conviven en harmonía cos habitantes das grandes cidades, en cuxo centro se sitúan para optimizar os recursos que xeran (electricidade e vapor para alimentar as calefaccións das comunidades veciñas). É o chamado District Heating.
Convén reiterar, unha vez máis, que este tipo de instalacións son as máis vixiadas desde o punto de vista operativo e ambiental, e atópanse suxeitas a rigorosos e exhaustivos controis, moito máis esixentes que os que rexen para outras plantas industriais.
Os accionistas e promotores da creación de Sogama, hai 30 anos, foron uns visionarios ao entender que desperdiciar residuos nun vertedoiro, como viña facendo na década dos 90, non só constituía unha seria ameaza para a contorna e a saúde pública, senón que implicaba enterrar un recurso tan valioso como é a enerxía, que hoxe esta empresa pública aproveita a través das tecnoloxías máis innovadoras do mercado, xerando o equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Do mesmo xeito que Galicia, outras comunidades tales como o País Vasco, Cataluña, Cantabria, Baleares e Madrid, apostaron no seu momento pola transformación de residuos en recursos (reciclando a parte susceptible de ser recuperada por esta vía e transformando en enerxía a non reciclable), conscientes de que desperdiciar enerxía e facelo ademais cun alto custo, supoñía un gran retroceso ambiental e económico.
E, grazas á produción de enerxía a partir dos residuos non reciclables, un dos moitos efectos positivos que perciben os nosos cidadáns é que o canon que Sogama aplica aos concellos adscritos ao seu sistema é hoxe o máis barato de Galicia e de España.
Sen dúbida, a valorización enerxética é unha das enerxías que moven a economía circular.
Javier Domínguez Lino
Presidente executivo