-
Con esta distinción réndese homenaxe a persoas e organizacións cuxas accións tiveron un impacto transformador no medio ambiente
-
O PNUMA busca candidaturas que traballen en solucións innovadoras e sostibles para restaurar as terras, fomentar a resiliencia á seca e combater a desertificación
Cerceda, a 3 de maio de 2024.- O prazo para presentar candidaturas ao Galardón Campións da Terra 2024, promovido polo PNUMA (Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente), conclúe o próximo 5 de maio. Trátase dunha distinción coa que se quere render homenaxe ás persoas pioneiras que demostraron o seu liderado nos gobernos, a sociedade civil e o sector privado, e lograron un impacto transformador en beneficio do medio ambiente.
Este ano, o PNUMA convida a postular candidaturas de persoas e organizacións que desenvolvan e apliquen políticas e solucións sostibles para restaurar as terras, fomentar a resiliencia á seca e loitar contra a desertificación. Estas poden ser nomeadas nas categorías de Liderado Político, Inspiración e Acción, Visión Emprendedora, e Ciencia e Innovación.
Desde a súa creación, en 2005, o galardón Campións da Terra outorgouse a 116 laureados: 27 líderes mundiais, 70 individuos e 19 organizacións. En 2023, o PNUMA recibiu a cifra récord de 2.500 candidaturas.
Restaurar e revitalizar
Conforme nos achegamos á metade do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas, urxe levar a cabo accións para protexelos e revivilos. A restauración ambiental favorece os medios de vida, reduce a pobreza, aumenta a resiliencia fronte aos fenómenos meteorolóxicos extremos e frea a crise climática. Para apoiar ao mundo natural, os gobernos, a sociedade civil e o sector privado deben aumentar o financiamento, crear capacidades e fomentar cambios de comportamento.
Restaurar e revitalizar a natureza é imprescindible para mellorar a saúde humana e planetaria, e hai dirixentes de todos os sectores e rexións que están a traballar activamente para resolver a tripla crise planetaria do cambio climático, a perda de biodiversidade e natureza, así como a contaminación e os refugallos.
Fonte e imaxe: PNUMA