- Outorgado polo Comité Europeo das Rexións, este premio modernízase e renóvase para os próximos cinco anos, coa previsión de que cada convocatoria anual se centre nun tema principal vinculado á axenda política da Unión Europea.
- Con este galardón bríndase recoñecemento e visibilidade a determinadas iniciativas empresariais, locais ou rexionais, e proporciona acceso a unha rede de socios potenciais.
Cerceda, a 18 de decembro de 2019.- O programa Rexión Empresarial Europea (EER, polas súas siglas en inglés), que celebrou a súa décima edición este ano, modernízase e renóvase para os próximos cinco anos.
A previsión é que cada convocatoria anual para a presentación de candidaturas no período 2021-2025, se centre nun tema principal vinculado á axenda política da Unión Europea. Desta forma, o premio EER 2021 orientarase a promover o espírito empresarial en favor dun futuro verde e sostible. O prazo para a presentación de candidaturas estará aberto ata o 31 de marzo de 2020.
Markku Markkula, vicepresidente primeiro do Comité Europeo das Rexións, anunciou o novo ciclo de premios EER na Asemblea das Pemes 2019 da Comisión Europea celebrada en Helsinki.
Na súa intervención, enmarcada na cerimonia anual do Premio Europeo á Promoción Empresarial, manifestou que «a fin de enfrontar os retos económicos e sociais máis acuciantes do noso tempo, tamén necesitamos mobilizar os esforzos das rexións e cidades da UE para impulsar a Axenda de Desenvolvemento Sostible de 2030. Polo tanto, a promoción do emprendemento en favor dun futuro verde e sostible constitúe o tema principal da campaña EER 2021. Animamos así ás rexións e cidades da UE a mobilizar recursos e propoñer iniciativas que apoien a transformación sostible das súas economías».
O Comité Europeo das Rexións outorga cada ano o distintivo de EER a un máximo de tres cidades ou rexións que fan gala de estratexias destacadas e con visión de futuro para apoiar ás pemes e ás empresas emerxentes e en expansión.
Fonte: Universitat de Valencia
Imaxe:Admoneuropa2020
Saúdos, Departamento de Comunicación