-
Os próximos días, Sogama remitirá ao concello unha nova partida de 25 composteiros
Cerceda, a 26 de xullo de 2024.- O municipio de Pantón (Lugo), co apoio de Sogama, estende o seu programa local de autocompostaxe a novas vivendas, facendo un total de 265 as familias adscritas a esta iniciativa, que trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Durante os próximos días, a empresa pública enviará ao concello 25 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, cos que se posibilitará unha operativa máis cómoda, hixiénica e eficiente.
Os novos participantes recibirán instrucións básicas para a correcta xestión da materia orgánica nos seus fogares. Para isto, situarán o composteiro no exterior da vivenda, en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descomponedores, e nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas.
Restos de alimentos, cascas de ovo, pousos de café, restos de podas, son, entre moitos outros, algúns dos residuos a introducir no recipiente, debendo procurar os usuarios que haxa un equilibrio entre a fracción húmida e a seca, ademais de controlar parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
En todo caso, o obxectivo último é a obtención dun compost de alta calidade que as propias familias poidan aplicar nos seus xardíns, hortas e terras de cultivo, pechando desta forma a reciclaxe e a recuperación da materia orgánica, que representa a orde do 37% da composición media dunha bolsa de lixo tipo.
Os interesados poden reforzar os seus coñecementos e acceder a recursos didácticos complementarios a través deste microsite de Sogama https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/
Saúdos, Departamento de Comunicación