- O Concello quere seguir traballando na recuperación da materia orgánica en orixe como medida de prevención e redución de residuos en orixe.
- Con esta nova partida, son xa 75 as familias morañesas que participan nesta iniciativa, con importantes beneficios ambientais e sociais.
- Os composteiros, de 400 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Cerceda, a 4 de decembro de 2019.- Co obxectivo de aplicar medidas de prevención e redución da xeración de residuos en orixe e, ao mesmo tempo, fomentar a reciclaxe, o Concello de Moraña (Pontevedra) dirixiuse de novo a Sogama para solicitar 30 novos composteiros a fin de entregalos a outras tantas familias para que poidan colaborar nesta iniciativa.
Desta forma, son xa 75 as vivendas unifamiliares que participan activamente neste programa, con importantes beneficios ambientais e sociais.
Ao reciclar a materia orgánica en orixe, que representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando unha diminución da frecuencia de recollida e transporte, o que se traduce en menos emisións de CO2 á atmosfera, así como nunha redución da cantidade de refugallos entregados a Sogama para o seu tratamento.
Os composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, constitúen elementos de apoio aos usuarios, toda vez que lles permiten levar a cabo o proceso dunha forma máis cómoda e hixiénica, resultando clave o control de parámetros tales como a temperatura, o osíxeno e a humidade.
Os usuarios teñen á súa disposición un sitio web www.compostaconsogama.gal, no que poden atopar información de gran interese para complementar e ampliar coñecementos, accedendo igualmente a recursos didácticos e divulgativos tales como manuais, guías, vídeos e xogos, ferramentas todas elas coas que se pretende poñer en valor a materia orgánica e as vantaxes que reporta a súa conversión en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
O seguimento do programa corre a cargo do propio persoal do Concello.
Saúdos, Departamento de Comunicación