- Monitores ao servizo desta empresa pública impartirán mañá, 24 de outubro, charlas formativas no CEIP Camiño Inglés e o 28 de novembro faranno no CEIP Sigüeiro.
- As sesións xirarán en torno ao principio europeo dos tres erres, a actividade industrial de Sogama, a redución do desperdicio alimentario, a compostaxe e a contaminación por plásticos.
- Alumnado e profesorado terán a oportunidade de ampliar información e resolver todas as súas dúbidas, podendo exercer unha importante tarefa pedagóxica na súa contorna social máis inmediata.
Cerceda, a 23 de outubro de 2019.- Escolares do CEIP Camiño Inglés e do CEIP Sigüeiro, pertencentes ao concello de Oroso (A Coruña), serán formados por Sogama nas boas prácticas ambientais aplicadas a residuos. Con tal fin, están previstas dúas intensas xornadas que terán lugar mañá, 24 de outubro, no primeiro colexio, e, un mes de despois, o 28 de novembro, no segundo.
O obxectivo do ente local é que o alumnado adquira e interiorice os conceptos básicos en materia de xestión sostible de residuos urbanos e que colabore no modelo a través dos bos hábitos vinculados ao principio europeo dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
EN CLAVE R
Así, os educadores de Sogama porán o foco de atención sobre o consumo responsable, a menor xeración de lixo en orixe, o alongamento da vida útil dos produtos e a correcta separación dos mesmos, unha vez convertidos en refugallos, para que poidan ser reciclados, unha vez depositados nos contedores correspondentes.
Explicaráselles igualmente a actividade desta empresa pública en torno ás dúas fraccións de residuos que se atopan baixo a súa competencia: bolsa amarela, que segrega por tipoloxías na súa planta de clasificación para enviar aos centros recicladores; e bolsa negra, da que separa os materiais susceptibles de ser reciclados, valorizando enerxéticamente o resto para a súa conversión en electricidade.
De feito, o Complexo Medioambiental de Cerceda conta, desde novembro de 2018, cunha nova planta, concibida en liña coa industria 4.0, para a recuperación dos materiais contidos no lixo en masa, permitindo seleccionar, de forma automática, ata 11 tipos (plásticos, vidro, papel/cartón, briks, etc.) para que poidan ser transformados en novos produtos, reforzando desta xeito a súa achega á reciclaxe.
Abordaranse tamén os pormenores da compostaxe doméstica como unha magnífica fórmula para poñer en valor a materia orgánica, reportando interesantes beneficios ambientais, económicos e sociais, e daranse unhas pautas para minimizar o desperdicio alimentario, toda vez que no mundo refúgase un terzo dos alimentos que se producen para o consumo humano, sendo o fogar, cun 42%, o ámbito que máis contribúe a este fenómeno, arroxando cada día inxentes cantidades de comida ao cubo do lixo.
A sesión será aproveitada igualmente para expoñer a problemática derivada da contaminación mariña por plásticos, facéndose necesario minimizar o seu consumo de plásticos e rexeitar os de usar e tirar, dando preferencia a outras alternativas máis sostibles e respectuosas co medio ambiente.
Escolares e docentes terán a oportunidade de ampliar información e resolver todas as súas dúbidas, podendo exercer unha importante tarefa pedagóxica na súa contorna social máis inmediata.
Saúdos, Departamento de Comunicación