- Se ben o 95% dos docentes estima que a educación sobre o cambio climático é importante, menos do 30% se sente capaz para impartir este tipo de ensino no seu contexto local.
- No marco desta iniciativa, a UNESCO traballa para que os seus 193 Estados Membros integren, de aquí a 2030, a educación sobre o cambio climático nas súas políticas sectoriais de educación e como base dos seus programas de ensino, garantindo a transición ecolóxica dos institutos de formación de docentes e as escolas.
Cerceda, a 19 de outubro de 2022.- Debido ás ameazas que representan o cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación, a UNESCO impulsou un proxecto que, baixo a denominación “Ecoloxizar”, pretende que cada educando se converta nun verdadeiro axente do cambio ao dotalo dos coñecementos, as competencias, os valores e as actitudes necesarias para loitar contra o cambio climático. O obxectivo desta iniciativa é construír escolas e elaborar políticas e programas de ensino e formación ecolóxicos, de conformidade coa meta 4.7 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Preto da metade dos 100 países estudados pola UNESCO non incluíron aínda un elemento relativo ao cambio climático nos seus marcos nacionais de programas pedagóxicos.
Por outra banda, e mentres que o 95% dos docentes entrevistados estiman que a educación sobre o cambio climático é importante, menos do 30% se sente capaz para impartir este tipo de ensino no seu contexto local.
Mediante este proxecto, e como axencia das Nacións Unidas con mandato no ámbito da educación para o desenvolvemento sostible (EDS), a UNESCO traballa para que os seus 193 Estados Membros integren, de aquí a 2030, a educación sobre o cambio climático nas súas políticas sectoriais educativas e como base dos seus programas de ensino, garantindo a transición ecolóxica dos institutos de formación de docentes e as escolas.
ESCOLAS ECOLÓXICAS
O proxecto axudará aos docentes, independentemente da materia que impartan, a que poidan abordar nas aulas o cambio climático e outros problemas que incumben ao planeta.
A UNESCO apoiará a creación en todo o mundo dunha rede de formadores de docentes sobre cuestións de ecoloxía e incitará aos Estados Membros a integrar o criterio de ecoloxización dos programas de formación do profesorado grazas ao Campus de Docentes da Coalición Mundial para a Educación da UNESCO, así como aos formadores de docentes especialistas neste ámbito que poderá proporcionar.
O proxecto elaborará un enfoque holístico da educación sobre o clima co obxectivo de transformar o contido educativo, a pedagoxía, a cultura escolar e o compromiso comunitario.
Fonte: UNESCO
Imaxe: Pixabay