- Na primeira fase, os 18 socios deste proxecto europeo avanzaron no desenvolvemento da primeira plataforma europea para que os produtores vendan os seus excedentes, así coma no deseño de contedores intelixentes que optimizarán o transporte de alimentos mediante sensores
- Ademais, iniciouse con éxito a formulación de novos materiais biolóxicos, con propiedades reciclables e biodegradables melloradas, cos que se creará unha nova gama de envases sostibles
Cerceda, a 12 de xaneiro de 2023.- O proxecto SISTERS, cuxo obxectivo é reducir en case un 30% o desperdicio alimentario ao longo de toda a cadea de valor da industria agroalimentaria, cumpre o seu primeiro ano de traballo con importantes avances en todas as súas liñas de investigación.
PRODUCIÓN, LOXÍSTICA, PROCESAMENTO E CONSUMO
Financiado pola UE H2020 con máis de 8 millóns de euros e coordinado desde Aitiip Centro Tecnolóxico, SISTERS está a desenvolver, na fase de produción, a primeira plataforma europea (Short Chain Platform) para que os produtores primarios vendan directamente aos consumidores aquelas froitas e verduras que non cumpran cos estándares do mercado. Isto é, pezas que non presentan certo calibre ou aspecto requirido para a súa posterior comercialización, pero que son perfectamente válidas para o consumo.
Os socios do proxecto (18 en total) realizaron un estudo a través do cal analizaron as distintas solucións tecnolóxicas xa dispoñibles coa pretensión de previr o desperdicio de alimentos e identificar funcionalidades para incorporalas á plataforma. Ademais, creouse unha base de datos de froitas e verduras de código aberto para axudar aos produtores a lanzar rapidamente a súa aplicación de comercio electrónico na que poder vender produtos que, doutro xeito, descartarían.
Na fase de loxística, SISTERS avanza no desenvolvemento de contedores intelixentes para evitar a perda de alimentos frescos a granel ou envasados durante o transporte. Cumprimentouse un primeiro deseño do prototipo dos contedores, así como da unidade de aloxamento do kit de sensores que se instalará no seu interior e que medirá con precisión as condicións do ambiente (temperatura, humidade, osixeno, dióxido de carbono). Estes sensores axudarán a garantir a seguridade dos alimentos e a optimizar a súa vida útil, ademais da propia monitorización do estado dos alimentos transportados. Grazas aos sensores, e ás súas ferramentas de IoT, os datos almacenaranse nunha nube que poderá ser consultada a tempo real e que permitirá aos actores do transporte a formular protocolos de actuación no caso de que, por exemplo, o sistema de refrixeración deixase de funcionar.
Pola súa banda, a fase de procesamento está centrada na concepción de materiais novos avanzados e biolóxicos de envasado con propiedades reciclables e biodegradables melloradas, que favorecerán a sostibilidade do produto packaging, o mantemento do alimento e mesmo a súa compostaxe na casa. Preparáronse novas fórmulas para os envases, así como compostos mestres enzimáticos (aditivos) para que os envases de ácido poliláctico sexan biodegradables.
Finalmente, na última etapa da cadea, a de consumo, SISTERS está a implementar unha nova codificación de etiquetaxe baseada en tecnoloxía QR, que ofrecerá información vital do produto aos consumidores: por exemplo, procedencia e custo económico e ambiental do desperdicio do alimento.
Tras concluír a etapa de investigación da estado da arte (percepción dos consumidores sobre os envases biolóxicos e biodegradables), lográronse identificar as principais barreiras de mercado, que servirán de base para mellorar os hábitos de consumo europeos futuros.
PRÓXIMOS PASOS
Agárdase que a primeira versión da Plataforma de Cadea Curta estea rematada e validada este ano con 100 produtores primarios, o que permitirá optimizacións.
En canto aos contedores intelixentes, completarase o kit de sensores para produtos a granel, mentres que para os produtos envasados lograrase un prototipo.
A enquisa do consumidor en liña sobre envases e etiquetaxes, lanzarase en alomenos 5 países europeos, cun mínimo de 1.000 enquisados como obxectivo.
Continuará o traballo para garantir o impacto e maximizar o potencial de explotación dos resultados.
Fonte: Aitiip
Imaxe: Pexels