- Aimplas, socio desta iniciativa, creou a partir dos mesmos unha película plástica. Outras empresas producen aceite de café e extraen aromas, polifenoles, aceites e carotenoides, ademais de acedos dicarboxílicos de cadea longa (LCDCA) necesarios para sintetizar poliésteres
- O proxecto tamén está a dar a coñecer procesos para transformar biorresiduos urbanos en bioprodutos de gran valor a partir de diferentes materias primas tales como subprodutos cárnicos, refugallos de peixe, biorresiduos domésticos, refugallos de celulosa e lodos de depuradora
Cerceda, a 15 de febreiro de 2023.- O elevado consumo de café en todo o mundo trae consigo a xeración anual de millóns de toneladas de pousos de café que acaban desperdiciados. Para darlles unha nova vida, Aimplas (Instituto Tecnolóxico do Plástico), creou a partir dos mesmos unha película plástica, transformándoos así nun produto con valor.
Esta iniciativa enmárcase no proxecto europeo WaysTUP!, claro exemplo, a xuízo de Nuria López, investigadora principal de Aimplas, do importante papel que os biorresiduos poden desempeñar na transición cara a unha economía circular.
Ademais de utilizar pousos de café para fabricar PHA (polihidorxialcanoatos), os socios do proxecto descubriron outros usos. Por exemplo, bio-bean, empresa de Reino Unido, está a producir aceite de café, mentres que a firma biotecnolóxica española Biopolis extrae aromas, polifenoles, aceites e carotenoides dos pousos de café proporcionados por Agricultores de la Vega de València, entidade coordinadora do proxecto. Pola súa banda, o socio italiano Novamont xera acedos dicarboxílicos de cadea longa (LCDCA) necesarios para sintetizar poliésteres.
Con todo, WaysTUP! non só se centra no café. Está a dar a coñecer unha serie de procesos para transformar biorresiduos urbanos en bioprodutos de gran valor a partir de diferentes materias primas. Os subprodutos cárnicos (por exemplo, sangue, ósos, recortes de carne, pel, tecidos graxos, cornos, pezuñas, patas, cranios e vísceras) empréganse para producir enzimas e péptidos activos. Os refugallos de peixe, incluídas cabezas, colas, pel, entrañas e aletas, serven como materia prima para producir péptidos activos e xelatina. Os biorresiduos domésticos separados en orixe tamén se usan para producir fariña rica en proteínas destinadas a piensos para animais e biodisolventes. Os PHA, LCDCA e bioplásticos fabrícanse con aceite de cociña usado. Os refugallos de celulosa das instalacións de tratamento de residuos e augas residuais transfórmanse en bioetanol e biodisolventes, e os lodos de depuradora empréganse para producir biocarbón, un carbón vexetal obtido pola descomposición térmica de biomasa.
Ao adoptar un enfoque máis amplo para promover unha economía circular, o equipo do proxecto (Value chains for disruptive transformation of urban biowaste into biobased products in the city context) traballa de forma paralela para concienciar aos cidadáns e as comunidades locais sobre a importancia de poñer en valor os biorresiduos urbanos como recurso.
Fonte: Aimplas
Imaxe: Pixabay