- Así o manifestou en EsRadio Galicia o Primeiro Tenente Alcalde e Concelleiro Delegado de Medio Ambiente de Laracha, José Ramón Martínez, municipio que, xunto co de Carballo, é o primeiro de Galicia que instaura a recollida selectiva dos residuos orgánicos a través deste novo recipiente.
- Con tal fin, e baixo o lema “Ti tes a chave”, en Laracha puxeron en marcha unha ambiciosa campaña formativa e de concienciación neste ámbito.
- A previsión é que o Concello comece a entregar a materia orgánica na planta de compostaxe industrial de Sogama o próximo mes de xaneiro.
- Martínez mostrouse satisfeito polo apoio da Administración autonómica e, por suposto, pola colaboración dos laracheses na consecución dunha localidade máis saudable e sostible.
Cerceda, a 5 de decembro de 2019.- Ante os micrófonos de EsRadio Galicia, o Primeiro Tenente Alcalde e Concelleiro Delegado de Medio Ambiente de Laracha (A Coruña), José Ramón Martínez, trasladou o firme compromiso deste ente local coa sostibilidade e a economía circular.
Xunto con Carballo, é o primeiro municipio de Galicia que implanta a recollida selectiva da fracción orgánica contida nos residuos a través do quinto contedor, de cor marrón.
O anuncio fíxose público nun acto celebrado o pasado mes de novembro na Casa da Cultura municipal e que contou coa presenza da Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Presidente de Sogama, Javier Domínguez.
Con esta iniciativa, o Concello quere contribuír a un mellor aproveitamento dos restos orgánicos e dar debido cumprimento ás Directivas europeas. Non obstante, esta aposta non é nova para Laracha, toda vez que, meses atrás, puxo en marcha un programa de compostaxe doméstica ao que se sumaron 75 familias entre as que repartiu outros tantos composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, e ás que formou a través de cursos presenciais.
“TI TES A CHAVE”
Nestes momentos, e coa vista posta no quinto contedor, lanzaron, baixo o lema “Ti tes a chave”, unha ambiciosa campaña informativa e de concienciación que inclúe a entrega de cubos domésticos para materia orgánica, un lote de bolsas compostables e outros elementos de apoio.
O novo contedor ubicarase nos tres núcleos urbanos do termo municipal e os participantes terán unha chave para abrilo e introducir no mesmo os restos orgánicos. Desta forma garántese que os veciños adscritos a esta iniciativa de forma voluntaria, actúen con responsabilidade.
A previsión é que o Concello comece a entregar a materia orgánica na planta de compostaxe industrial de Sogama o próximo mes de xaneiro. De aí que estean traballando intensamente para que as familias saiban o que deben e non deben depositar no novo recipiente e, o máis importante, que sexan conscientes da súa gran achega ao coidado do medio ambiente.
ECONOMÍA CIRCULAR: O OBXECTIVO
O Primeiro Tenente Alcalde aproveitou a ocasión para felicitar á Xunta de Galicia polas axudas que vén concedendo a fin de que os concellos dispoñan de medios para avanzar cara a un novo modelo de desenvolvemento que non é outro que o definido pola economía circular, e que abandonen o xa caduco sistema lineal de usar e tirar.
José Ramón Martínez mostrouse satisfeito polo apoio da Administración autonómica e, por suposto, pola colaboración dos laracheses na consecución dun municipio máis saudable e sostible.
Saúdos, Departamento de Comunicación