- A empresa pública subministrará un total de 210 composteiros, de 390 litros de capacidade, a fin de que sexan entregados a outras tantas familias.
- Condición indispensable é que as vivendas sexan unifamiliares e que conten con terreo no que aplicar o compost resultante.
- Recibirán tamén, de mans de Sogama, un manual didáctico de apoio que lles servirá de guía para a correcta aplicación da técnica e a resolución de dúbidas.
- Con esta nova partida, 654 familias pertencentes aos tres concellos formarán parte do programa de compostaxe doméstica de Sogama.
Cerceda, a 27 de febreiro de 2020.- A compostaxe doméstica refórzase nos concellos pontevedreses de O Rosal, Mos e Arbo co fin de atender as demandas veciñais e propiciar a valorización da materia orgánica a través da súa conversión en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
Sogama subministrará a estes tres municipios un total de 210 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil, para que poidan ser entregados entre outras tantas familias. Condición indispensable é que estas residan en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de recuperación dos residuos orgánicos.
En todo caso, trátase de retomar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica.
Ademais do composteiro, os veciños participantes recibirán un manual didáctico de apoio no que se recolle toda a información para aplicar a técnica con garantías: desde a propia ubicación do recipiente, que debe estar nunha zona sombreada e protexida, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo, así coma o control de parámetros claves para a obtención dun produto de boa calidade (osíxeno, temperatura e humidade).
Así mesmo, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e apórtanse solucións aos erros máis comúns.
Adicionalmente, os usuarios teñen á súa disposición unha páxina web www.compostaconsogama.gal, a través da cal poden ampliar os seus coñecementos e acceder a recursos divulgativos tales como contidos online, xogos e vídeos.
Con esta nova partida, e sumando outras entregas anteriores realizadas por Sogama, 654 familias pertencentes aos tres concellos formarán parte do programa de compostaxe doméstica impulsado por esta empresa pública coa seguinte distribución: 62 en Arbo, 268 en O Rosal, e 324 en Mos.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación