- Na reunión anual do Foro Económico Mundial, António Guterres pronunciou un discurso no que denunciou a falta de colaboración multilateral “nun mundo cada vez máis á deriva”, ameazado por dous perigos existenciais: o cambio climático e a intelixencia artificial (IA) non regulada
- Amosouse moi crítico coa decisión de varias institucións financeiras e industrias de dar marcha atrás nos seus compromisos climáticos, cualificándoa como “curta de miras e, paradoxalmente, egoísta, á vez que contraproducente”
Cerceda, a 23 de xaneiro de 2025.- O Secretario Xeral de Nacións Unidas, António Guterres, pronunciou un discurso na reunión anual do Foro Económico Mundial de Davos, celebrado nos Alpes suízos e cuxa temática virou ao redor da “Colaboración para a era da intelixencia”, no que denunciou a falta de colaboración multilateral “nun mundo cada vez máis á deriva”, ameazado por dous perigos existenciais: o cambio climático e a intelixencia artificial (IA) non regulada.
Ante políticos de alto nivel, xefes de Estado e directores xerais dalgunhas das empresas máis grandes e influíntes do mundo, afirmou que apenas hai probas de colaboración ou intelixencia, pero si abundantes do empeoramento de moitos dos problemas do mundo, desde os conflitos á desigualdade e as violacións dos dereitos humanos.
A decisión de varias institucións financeiras e industrias de dar marcha atrás nos seus compromisos climáticos foi cualificada por Guterres como “curta de miras e, paradoxalmente, egoísta, á vez que contraproducente”, ao que engadiu, “están no lado equivocado da historia. Están no lado equivocado da ciencia. E están no lado equivocado dos consumidores que buscan máis sostibilidade, non menos”.
Para a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Clima (COP30), que se celebrará en Brasil a finais de ano, o Secretario Xeral lembrou aos líderes mundiais que deben cumprir a súa promesa de elaborar novos plans nacionais de acción polo clima para toda a economía moito antes da cita.
Os países en desenvolvemento necesitan un “auxe de financiamento” para a acción climática, declarou, instando, non só aos gobernos, senón a todas as empresas e institucións financeiras a crear plans de transición sólidos e responsables.
Respecto á intelixencia artificial, cualificouna como unha arma de dobre fío, xa que, aínda que está a revolucionar a aprendizaxe, diagnosticando enfermidades, axudando aos agricultores a aumentar as súas colleitas e mellorando a orientación da axuda, se se deixa sen gobernar, conleva profundos riscos (perturbar as economías, socavar a confianza nas institucións e agravar as desigualdades).
O Pacto Mundial Dixital, que forma parte do Pacto para o Futuro adoptado polos Estados membros da ONU o pasado setembro, ofrece un “roteiro para aproveitar o inmenso potencial da tecnoloxía dixital e pechar as fendas dixitais”, cunha visión compartida da IA ao servizo da humanidade, e non ao revés.
Neste sentido, fixo un chamamento á comunidade mundial para que afronte estes retos existenciais e traballe unida.
Fonte e imaxe: ONU