- Así o manifestou o pasado luns na xornada de inicio do Cume das Nacións Unidas sobre Sistemas Alimentarios +2, que se celebra en Roma
- Lamentou que, en 2021, o 42% da poboación mundial non puidera permitirse unha dieta saudable e avanzou que, se non se toman medidas inmediatas, para 2030 as persoas con desnutrición crónica chegarían a 600 millóns
- Considera imperativo actuar con urxencia en tres áreas crave: investir masivamente en sistemas alimentarios sostibles, equitativos, saudables e resilientes; priorizar ás persoas sobre as ganancias; avanzar cara a sistemas alimentarios que non prexudiquen o medio ambiente
Cerceda, ao 26 de xullo de 2023.- O pasado luns arrincou en Roma o Cume das Nacións Unidas sobre Sistemas Alimentarios +2 para determinar os logros alcanzados desde que os países se comprometeran, hai dous anos, a transformar os modelos existentes para a produción, distribución e comercialización da comida nun mundo no que 780 millóns de persoas sofren fame e a humanidade no seu conxunto padece os efectos cada vez máis desastrosos do cambio climático.
No cónclave de alto nivel convocado pola ONU participan uns 2.000 representantes de 160 países e máis de 20 xefes de Estado e de Goberno que debaten sobre a urxencia de conseguir melloras substanciais na produción de alimentos, a nutrición, o medio ambiente e as condicións de vida da poboación como marca a Axenda 2030.
Segundo a Organización para a Alimentación e a Agricultura (FAO), máis de 3.100 millóns de persoas no mundo, ou o 42% da poboación mundial, non puideron permitirse unha dieta saudable en 2021 e, se non se toman medidas inmediatas, para 2030 as persoas con desnutrición crónica chegarían a 600 millóns.
O Secretario Xeral da ONU, António Guterres, aludiu ás crises interconectadas que asolan particularmente ás economías en Desenvolvemento, lembrando que, sen acceso a financiamento e alivio da débeda, eses países non poden investir en sistemas alimentarios cos que proporcionar a todas as persoas a nutrición que necesitan para unha vida saudable. “Mentres tanto, a produción, o envasado e o consumo de alimentos non sostibles están a alimentar a crise climática, xerando un terzo de todas as emisións de gases de efecto invernadoiro, utilizando a 70% da auga doce do mundo e impulsando a perda de biodiversidade a unha escala épica”, aseverou.
Tres áreas craves de acción
Malia que moitos países están a esforzarse, manifestou que é imperativo actuar con urxencia en tres áreas crave:
- Investir masivamente en sistemas alimentarios sostibles, equitativos, saudables e resilientes, o que incluiría investimentos en adaptación e sistemas de alimentos, saúde, auga, saneamento e agricultura que poidan resistir os impactos do cambio climático, así como sistemas de alerta temperá.
- Que os gobernos e as empresas somen forzas para construír sistemas que poñan ás persoas por riba das ganancias. Neste sentido, instou aos gobernos e ás industrias alimentaria, agrícola, de transporte e minorista a explorar novas formas de reducir o custo e aumentar a dispoñibilidade xeográfica de alimentos frescos e saudables para todas as persoas, o que significa “manter abertos os mercados de alimentos e eliminar as barreiras comerciais e as restricións á exportación”, aproveitando a ciencia e a tecnoloxía para mellorar a eficiencia e o alcance dos sistemas alimentario.
- O paso dos sistemas actuais a sistemas alimentarios que non prexudiquen o medio ambiente con emisión de carbono. Esta transformación quere dicir sistemas alimentarios novos e sostibles que poidan reducir a pegada de carbono do procesamento, o envasado e o transporte de alimentos.
Fonte e imaxe: ONU