- Na súa conferencia de prensa de fin de ano, António Guterres recoñeceu que o cambio climático é unha das cuestións nas que escasean as boas novas, coas emisións globais aumentando e o mundo afastándose do obxectivo de limitar o aumento da temperatura a 1,5º C para fin de século
- Advertiu que, lamentablemente, os plans climáticos están a quedarse curtos, polo que todos os países deben facer un esforzo extra para reducir as súas propias emisións de carbono nesta década e para apoiar ás nacións que non poden facelo por si mesmas
Cerceda, a 20 de decembro de 2022.- Onte, con motivo do repaso de fin de ano da axenda internacional, o Secretario Xeral das Nacións Unidas, António Guterres, urxiu, unha vez máis, aos líderes de todas as esferas da sociedade a tomar medidas cribles para mitigar o cambio climático, xa que os plans actuais son insuficientes para facer fronte á ameaza existencial que supón o quecemento do planeta.
Na súa conferencia de prensa de fin de ano, António Guterres repasou unha ampla variedade de temas entre os que destacou, ademais da guerra de Ucraína, o cambio climático. Respecto a este último, recoñeceu que é unha das cuestións nas que escasean as boas novas, coas emisións globais aumentando e o mundo afastándose do obxectivo de limitar o aumento da temperatura a 1,5ºC para fin de século.
“Os plans climáticos nacionais están a quedarse lamentablemente curtos”, advertiu, aínda que recoñeceu que se tomaron algunhas medidas importantes para transitar da enerxía baseada no carbón cara a un modelo de enerxías renovables. “Todos os países deben facer un esforzo extra para reducir as súas propias emisións de carbono nesta década e para apoiar ás nacións que non poden facelo por si mesmas”, subliñou.
Neste contexto, Guterres anunciou que convocará un Cume de Ambición Climática en setembro de 2023. “Fago unha chamada a todos os líderes para que dean un paso adiante: gobernos, empresas, cidades e rexións, sociedade civil e finanzas. Deben vir cunha acción climática nova, tanxible e crible para acelerar o ritmo do cambio”, sinalou.
Trátase, tal e como explicou, dunha invitación aberta, pero ten un prezo de acceso: “E ese prezo non é negociable: débese presentar unha acción climática crible, seria e nova, e solucións baseadas na natureza que fagan avanzar a agulla e respondan á urxencia da crise climática”.
“Será un cume sen tonterías. Sen excepcións. Sen componendas. Non haberá lugar para retractores, lavados de cara ecolóxicos, ou reempaquetadores de compromisos antigos", remachou.
Fonte e imaxe: ONU