- A participación deste sector resulta clave no desenvolvemento do proxecto RepescaPlas, que persegue a valorización material dos refugallos presentes no medio mariño.
- Caracterizáronse uns 8.000 obxectos, entre os que destacan os refugallos plásticos.
Cerceda, a 13 de febreiro de 2019.- A implicación do sector pesqueiro na retirada de residuos é un elemento clave para combater a incesante e crecente polución dos mares, debida á presenza de todo tipo de residuos, sobre todo plásticos.
No marco do proxecto RepescaPlas “Valorización material de residuos plásticos recuperados do mar: caracterización, aplicacións e desenvolvemento de produto”, cuxa primeira fase tivo lugar nos portos de Marín, Vigo e Gandía, durante o ano 2018 recuperáronse tres toneladas de residuos, superando amplamente as expectativas dos coordinadores, que prevían alcanzar a cifra de 300 quilos.
Isto permitiu levar a cabo a caracterización duns 8.000 obxectos, atendendo á súa tipoloxía, categoría e composición, prestando especial atención aos clasificados na categoría “plástico”. Os investigadores efectuaron tamén unha caracterización ecotoxicolóxica de tres tipos de refugallos concretos (redes, nasas de polbo e láminas industriais) sobre tres organismos mariños: larvas de ourizos, copépodos e microalgas. O estudo revelou que só os restos de redes de pesca resultan tóxicos; e tan só para as larvas de ourizo.
Un vídeo titulado “Conservemos os nosos mares”, gravado en augas do Mediterráneo, deixa constancia do sistema de retirada de residuos durante as xornadas de pesca e do encomiable labor levado a cabo polos traballadores do mar.
Ademais, no vídeo expóñense tamén os obxectivos do proxecto, cuxa consecución require da colaboración entre entidades públicas e privadas para lograr a retirada do lixo mariño e a súa valorización mediante o reciclado, a obtención de novos produtos e a súa posterior comercialización.
Grazas a este proxecto puidose determinar que os materiais tipo “filme”, como o polietileno de baixa densidad e o polipropileno, son os que arroxan mellores resultados na valorización material.
UN PROXECTO QUE AÚNA ESFORZOS
RepescaPlas é un proxecto coordinado por AIMPLAS (Instituto tecnolóxico do plástico) no que participan a Fundación Global Nature, a Asociación Vertidos Cero, a Universidade de Vigo e a Cofradía de Pescadores de Gandía, contandocoa colaboración da Fundación Biodiversidade a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
Este proxecto busca unha solución ao problema do lixo mariño e os seus negativos efectos sobre a biodiversidade, mediante a correcta xestión e tratamento dos residuos presentes no medio mariño, por medio de procesos de valorización material.
Fonte e imaxe: www.vertidoscero.com
Saúdos, Departamento de Comunicación