- Así o manifestou Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade, nunha entrevista recollida na Newsletter corporativa de Sogama correspondente ao pasado mes de decembro.
- A día de hoxe, preto de 400 produtos e servizos de 135 empresas galegas están adscritos a esta marca, sendo o sector agroalimentario e o turístico os de maior peso, contando igualmente con outros de gran relevancia tales como o da xeotermia, planta ornamental e xoiería, entre outros.
Cerceda, a 13 de xaneiro de 2021.- Consumir do noso e dar preferencia aos produtos galegos eríxese nunha prioridade.
Nunha entrevista recollida na Newsletter corporativa de Sogama do pasado mes de decembro, Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade, manifestou que “Para min é unha das mellores marcas que se crearon en España nos últimos anos, xunto coa do Xacobeo”. Tal e como sinalou, “Resume a nosa esencia, calidade e galeguidade”, coa particularidade de que, de cara ao consumidor, apórtase aos produtos e servizos máis confianza, toda vez que constitúe un selo de garantía que audita e certifica a aqueles que dan debido cumprimento aos requisitos establecidos.
A día de hoxe, preto de 400 produtos e servizos de 135 empresas galegas están adscritos a Galicia Calidade, sendo o sector agroalimentario e o turístico os de maior peso, contando igualmente con outros sectores de gran relevancia na nosa comunidade. É o caso da xeotermia, planta ornamental e xoiería, entre outros.
PROTOCOLO DE CERTIFICACIÓN
O protocolo a seguir comeza cunha solicitude da entidade interesada a través do sitio web corporativo de Galicia Calidade. Unha vez recibida, o Departamento Técnico estuda o produto ou servizo en cuestión para analizar a viabilidade da súa certificación. Se se trata dun produto para o que non hai condicións establecidas, procédese á elaboración das mesmas. E se xa hai artigos similares, envíase á empresa as condicións a cumprir. Posteriormente, audítase. para corroborar o cumprimento dos requisitos esixidos.
A tendencia do consumidor, tal e como apunta o xerente, é confiar no produto local, aumentando a preocupación da poboación sobre o que come ou emprega. Isto quere dicir que vai un paso máis aló do que ve. Interésase por saber de onde vén o artigo, que coidados reciben os animais que producen a materia prima, cal é o comportamento da compañía que o comercializa no ámbito da responsabilidade social corporativa, etc.
Alfonso Cabaleiro asegura que Galicia é coñecida en todo o mundo pola súa calidade e tamén pola súa honestidade, é dicir “por non enganar a ninguén co que somos ou co que vendemos”. O feito de que un produto leve el selo de Galicia Calidade pode reforzar esta mensaxe.
Neste sentido, indicou que precisamente o labor de Galicia Calidade é achegar unha pequena parte da nosa terra ao consumidor e que a perciba con confianza e garantía, sendo tamén un valor diferencial para as empresas.
Saúdos, Departamento de Comunicación