- A Comisión Europea asegura que un teléfono móbil debería durar 232 anos para compensar o seu efecto sobre o medio ambiente e que se o usásemos 1 ano máis, poderiamos reducir as emisións de 4 millóns de toneladas anuais.
- É por isto que aconsella utilizar produtos tecnolóxicos máis tempo e reparalos cando se estraguen, ou ben comprar artigos de segunda man.
Cerceda, a 12 de abril de 2021.- A Comisión Europea lanzou unha nova campaña de concienciación baixo o título “O teu futuro. A túa elección” coa pretensión de que os cidadáns poidan realizar un consumo consciente, informado e sostible.
A CE advirte que todas as nosas accións producen un impacto, posto que cada produto que adquirimos ten un custo máis aló do prezo de compra. Un claro exemplo é a tecnoloxía. Asegura que un teléfono móbil debería durar 232 anos para compensar o seu efecto sobre o medio ambiente e apunta que, se usásemos o noso portátil, móbil ou tableta 1 ano máis, poderiamos reducir as emisións en 4 millóns de toneladas anuais, o que equivale a retirar da circulación 2 millóns de coches.
É por isto que aconsella utilizar os produtos tecnolóxicos máis tempo e reparalos cando se estraguen, ou ben comprar artigos de segunda man. Desta forma, non só aforramos diñeiro, senón que contribuímos a protexer a contorna.
A Unión Europea promove o consumo sostible a través do Pacto Verde Europeo, cuxo obxectivo xeral é que Europa sexa climáticamente neutra en 2050. Pola súa banda, o Plan de Acción da UE para a Economía Circular ten como folla de roteiro proporcionar aos consumidores información clara, veraz e pertinente sobre a vida útil e a durabilidade óptimas dos produtos e a súa facilidade de reparación, actualización, desmontaxe e reciclaxe.
A campaña “O teu futuro. A túa elección”, divídese en catro áreas diferenciadas: seguridade en Internet, protección de datos, coñecementos financeiros e consumo sostible.
Fonte: RedesTelecom
Imaxe: Pexels