- No Día Mundial da Redución das Emisións de CO2, esta empresa pública quere poñer en valor a súa firme aposta polo tren como medio preferente para o transporte de residuos, tendo pasado este do 25% en 2016 ao 55%
Cerceda, a 28 de xaneiro de 2025.- Hoxe celébrase o Día Mundial da Redución das Emisións de CO2 e, con tal fin, Sogama quere poñer en valor a súa firme aposta polo ferrocarril como medio preferente para o transporte de residuos. De feito, a día de hoxe, en torno ao 55% do lixo xestionado por esta Sociedade pública transpórtanse por tren desde Vigo (estación de Guixar), Ourense (estación de Taboadela) e Lugo (estación do polígono de O Ceao), alcanzando picos do 57%. Un gran esforzo acometido nos últimos anos, xa que en 2016, o uso do tren limitábase ao 25%.
A empresa dá así preferencia a un medio máis respectuoso co medio ambiente, máis sostible, con maior sincronización horaria, menor sinistralidade e menores molestias cidadás. Mentres que por estrada pódese trasladar unha soa cabeza tractora cun contedor de residuos (con capacidade para 20 toneladas), por tren pódense desprazar da orde de 30 contedores nunha soa viaxe.
A redución de emisións de CO2 á atmosfera constitúe unha prioridade na loita contra o cambio climático e o quecemento global. É por iso que esta efeméride eríxese nun chamamento á reflexión para que, de forma individual e colectiva, tomemos conciencia sobre o cambio climático e os impactos ambientais que este ocasiona. Sinxelos xestos como a climatización responsable, a adquisición de produtos frescos e de proximidade, o uso do transporte público ou o aproveitamento de fontes de enerxía renovables, constitúen interesantes medidas para diminuír as emisións de CO2 e garantir un futuro sostible para as xeracións vindeiras.
Saúdos, Departamento de Comunicación