- A empresa pública reanudou o traballo desenvolvido durante a primeira onda do coronavirus, tratando no seu Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña) os refugallos sanitarios de baixo risco procedentes de centros adscritos ao Sergas e que elimina nas mellores condicións a través da súa valorización enerxética.
- A construción, e posterior xestión, de tres plantas de biorresiduos (na provincia de Pontevedra, Lugo e Ourense), xunto coas actuais e futuras (tanto públicas como privadas) permitirá dar servizo ao conxunto de Galicia e poñer en valor a materia orgánica.
Cerceda, a 22 de decembro de 2020.- Sogama vén de lanzar a súa Newsletter corporativa de decembro, a última do ano en curso, e fíxoo prestando atención a dúas temáticas prioritarias neste momento: a xestión dos residuos COVID correspondentes á segunda onda da pandemia e a promoción da compostaxe como fórmula para poñer en valor a fracción orgánica contida nos residuos urbanos.
No primeiro caso, e a petición do Sergas, a empresa pública reanudou o traballo desenvolvido durante a primeira onda do coronavirus, tratando no seu Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), a través dunha liña industrial provisional e independente, os residuos sanitarios de baixo risco tales como luvas, buzos, máscaras desbotables e asimilables, que valoriza enerxeticamente, a unha temperatura superior a 850ºC, garantindo desta forma a eliminación de patóxenos e outros axentes nocivos.
Así mesmo, e co fin de que as máscaras utilizadas polos cidadáns no seu día a día non acaben abandonadas na natureza, a entidade difundiu un vídeo no que se explican as pautas a seguir, recordando que estes residuos deben ser depositados nos contedores da fracción resto, xamais arroxados ao chan, dado o seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde. A razón: unha máscaradesbotable tarda entre 300 e 400 anos en degradarse.
INFRAESTRUTURA PARA VALORIZAR A MATERIA ORGÁNICA
A ampliación do seu programa de compostaxe doméstica en distintos concellos e o anuncio da construción, e posterior xestión, de tres plantas de biorresiduos (unha na provincia de Pontevedra, outra na de Lugo e a terceira na provincia de Ourense), constitúe outro dos asuntos de interese co que se dará resposta aos obxectivos europeos en materia de reciclaxe. Estas tres instalacións, sumadas á que Sogama ten en Cerceda, virán a complementar as públicas e privadas de compostaxe (actuais e futuras) co obxectivo de prestar servizo a todos os municipios galegos en igualdade de condicións.
As actuacións desenvolvidas no marco da Semana Europea da Prevención de Residuos 2020, materializadas nos Concellos coruñeses de Arteixo e Cerceda para incidir na correcta selección dos residuos orgánicos a depositar no quinto contedor, de cor marrón, e a posta en marcha da oitava edición do programa “Recíclate con Sogama” 2020-2021, no que participan 10 colexios de Primaria de distintos puntos de Galicia, constitúen dúas das accións máis relevantes que a compañía levou a cabo no campo educativo durante os dous últimos meses.
As entrevistas a Francisco Omil Prieto, coordinador do Máster en Enxeñería Ambiental da USC, e a Alfonso Cabaleiro, Xerente de Galicia Calidade, complementan a revista deste mes, que se nutre con distintas informacións e curiosidades de interese.
Para acceder ao contido da News de decembro http://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/2020/12/Newsletter46_decembro.pdf
Saúdos, Departamento de Comunicación