- Revela que se están a levar a cabo máis de 200 accións circulares distintas nas urbes e ao redor dun terzo céntranse na alimentación e a bioeconomía ou nas cadeas de valor da contorna construída, os dous maiores contribuíntes ás emisións mundiais de carbono e á xeración de residuos
Cerceda, a 21 de xaneiro de 2025.- En colaboración con ICLEI Europa e Circle Economy, o último Informe da Declaración de Cidades Circulares 2024 ofrece a avaliación máis completa ata a data da aplicación local de accións de economía circular en Europa.
Baseado nas avaliacións dos propios funcionarios municipais, describe as principais estratexias e actividades de economía circular de 54 cidades europeas, constatando que a maioría (78 %) contan con estratexias de economía circular, deseñadas explicitamente para unha transición circular ou integradas noutras estratexias, coma os plans de acción polo clima.
Ademais de sintetizar os principais ensinos extraídos da aplicación das estratexias, o estudo céntrase na forma en que as cidades están a abordar dous ámbitos de crecente importancia para a transición circular: (1) como medir os avances e (2) que aspecto ten na práctica a rexeneración da natureza nos centros urbanos.
Moitas urbes xa están a medir e a informar sobre unha ampla gama de indicadores "circulares", e establecendo obxectivos máis ambiciosos, coma o aumento da reutilización e a redución das emisións de consumo. Con todo, a falta de indicadores comúns e as considerables diferenzas na comprensión do que debe medirse entrañan o risco de duplicar esforzos e aumentar as diverxencias entre cidades, o que dificultará a comparación e a validación.
O informe tamén conclúe que as cidades seguen nunha fase exploratoria no que respecta á rexeneración da natureza, resultando necesario reforzar os vínculos entre esta e a economía circular.
Áreas de interese común: alimentación e bioeconomía e contorna construída
O informe revela que se están a levar a cabo máis de 200 accións circulares distintas nas cidades e ao redor dun terzo céntranse na alimentación e a bioeconomía ou nas cadeas de valor da contorna construída, os dous maiores contribuíntes ás emisións mundiais de carbono e á xeración de residuos.
En alimentación, municipios de todos os tamaños están a estreitar relacións cos produtores locais que cultivan de forma respectuosa coa natureza: Liubliana ofrece asistencia técnica aos agricultores, mentres que Izmit pon máis terras ao dispor das cooperativas locais. Braga, Évora, Malinas e Zúrich son algunhas das moitas cidades que apoian os mercados locais de alimentos ou os selos alimentarios locais que fomentan a produción e o consumo respectuosos coa natureza.
Na contorna construída, máis da metade das cidades (57 %) identificaron os procesos de planificación como unha forma decisiva de integrar os principios circulares. Os plans de ordenación do territorio permiten ás cidades protexer e restaurar a natureza, así como conectar ou crear máis espazo para esta.
Cidades como Espoo e Bodø aplicaron medidas de planificación que integran os principios da economía circular no tecido dos novos desenvolvementos dos distritos. Estas iniciativas dan prioridade a solucións neutras en carbono e rexenerativas, establecendo un novo estándar para o desenvolvemento urbano.
Ademais, ao fomentar a reutilización e a reciclaxe, as autoridades locais promoven o desenvolvemento dunha paisaxe urbana resiliente e positiva que se axusta aos principios do desenvolvemento sostible.
Fonte: Fundación Ellen MacArthur
Imaxe: Pixabay